Inicio Galicia Feijóo destaca que máis de 1.500 alumnos de secundaria participaron xa no...

Feijóo destaca que máis de 1.500 alumnos de secundaria participaron xa no proxecto para achegar referentes femininos e potenciar as vocacións científicas

0

Precisa que a través desta iniciativa, os rapaces coñecen referentes femininos en sectores laborais onde aínda non hai paridade de xénero e resalta que, ata o de agora, participaron nestas charlas 8 mulleres referentes galegas, en 13 centros educativos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que máis de 1.500 alumnos de secundaria participaron xa no proxecto para achegar referentes femininos e potenciar as vocacións STEM –ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas- entre as nenas e mozas para pechar a fenda de xénero nestes estudos.

Con este obxectivo, Feijóo precisou que a través desta iniciativa, os rapaces coñeceron referentes femininos en sectores laborais onde aínda non hai paridade de xénero, co obxectivo de concienciar a cada alumno de que poden ser o que queiran ser. E resaltou que, ata o de agora participaron nestas charlas 8 mulleres referentes galegas –entre elas 3 premios Wonenburger- en 13 centros educativos.“Traballamos e seguiremos traballando con ferramentas coma esta”, dixo, referíndose tamén ao Programa galego de muller e ciencia 2016-2020. Nesta liña, lembrou que, se ben a proporción de mulleres matriculadas nas universidades galegas supera en case 11 puntos á dos homes, a súa presenza en Ciencias da Saúde (73%), en Ciencias sociais e xurídicas (60%) e en Artes e Humanidades (66%) é claramente maioritaria, mentres que en Enxeñaría e Arquitectura é dun 27,6%.

Durante o acto de entrega do Premio María Josefa Wonenburger Planells 2019, o titular da Xunta aseverou que iniciativas como este galardón achegan ás galegas máis novas referentes, cuxa traxectoria lles di “ti tamén podes facelo”. “Neste premio, que hoxe recibe Mabel Loza, convócannos dous consensos: a certeza de que a ciencia é clave para o noso progreso como sociedade; e o convencemento de que a igualdade tamén é unha panca de desenvolvemento para a ciencia e para o conxunto do país”, abundou.

No tocante á premiada, resaltou o compromiso inquebrantable de Mabel Loza coa importancia da ciencia e do coñecemento para avanzarmos como sociedade. Un compromiso que desenvolve cada día desde o grupo BioFarma da USC. “Como Wonenburguer, Loza realizou estancias fóra, no seu caso, no Centro Médico Monte Sinaí de Nova York. Pero continuou a súa carreira científica en Galicia, desde a mesma alma máter na que se formou, a Universidade de Santiago, e o eco das súas investigación traspasa as nosas fronteiras”, expuxo, subliñando ademais a súa participación na creación de tres compañías.

O presidente do Executivo galego concluíu a súa intervención incidindo en que a ciencia galega escríbese cada vez máis con nome de muller, como proba este galardón. “Inmaculada Paz Andrade, María Teresa Miras Portugal, María Soledad Soengas, Carmen Navarro, Ofelia Rey, Tarsy Carballas, María José Alonso, Carmen García Mateo, Isabel Aguirre, Peregrina Quintela, Begoña Vila, Alicia Estévez. Todas elas foron premidas e todas elas asinan traxectorias sobresaíntes no eido científico e académico ás que hoxe se suma Mabel Loza”, sentenciou.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre