Inicio Galicia Feijóo destaca que a Xunta xa incoou o expediente para declarar BIC...

Feijóo destaca que a Xunta xa incoou o expediente para declarar BIC o Colexio da Nosa Señora da Antiga de Monforte

0

Salienta que a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade suporá un gran impulso para o concello

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a Xunta de Galicia vén de incoar o expediente para declarar ben de interese cultural (BIC) o Colexio de Nosa Señora da Antiga de Monforte de Lemos coa categoría de monumento.

Fíxoo durante o acto conmemorativo con motivo do IV Centenario da Consagración da Igrexa deste colexio –que tivo lugar o 4 de agosto de 1619-, no que salientou que o Goberno galego “quere que esa rica historia ocupe o lugar que merece”.

Así, Feijóo explicou que se trata dun procedemento iniciado en 2016, cando a Fundación Colexio Nosa Señora da Antiga presentou unha solicitude para a declaración de BIC. E recordou que foi posible grazas ao traballo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que elaborou un informe específico sobre os valores culturais do colexio, e grazas ao Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario, que se amosaron favorables á declaración e incluíron comentarios e información adicional que se incorporou ao expediente.

O presidente da Xunta salientou que a partir da incoación do expediente, o Colexio da Nosa Señora da Antiga pasa “de forma inmediata e provisional” a aplicárselle o réxime de protección que establece a Lei do Patrimonio cultural de Galicia para os BIC e para os monumentos en particular.“Queremos que este Colexio do Cardeal siga tendo un papel fundamental tanto nesta vila coma no patrimonio de todos os galegos”, afirmou, ao tempo que valorou a excepcional fachada, igrexa e retablos do Colexio, que “transcenden xeracións e tempos” e “conservan intacta a súa capacidade de emocionar as obras dun museo que garda as miradas de El Greco, Andrea del Santo ou Francisco Pacheco”.

A candidatura da Ribeira Sacra, unha oportunidade para MonforteFeijóo aproveitou para salientar que a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade é “unha oportunidade moi importante para que máis xente coñeza e goce da beleza deste lugar”. Do mesmo xeito, asentiu que “esa posible inclusión sería un importante acicate para o futuro desta terra” no que “Monforte é, sen dúbida, un punto indiscutible do turismo cultural e patrimonial galego e peza clave desta Ribeira Sacra”.

Desta maneira, remarcou que esa candidatura enmárcase na próxima chegada do Xacobeo 2021, “unha data que nos convoca a todos os galegos e que queremos descentralizar para que chegar a Santiago sexa tamén chegar a toda Galicia”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre