Inicio Galicia Feijóo destaca que a conexión da AP-9 será un paso cara adiante...

Feijóo destaca que a conexión da AP-9 será un paso cara adiante para a Cidade da Cultura, para Santiago e para Galicia

0

“Este acceso vai marcar un antes e un despois para a Cidade da Cultura”, afirmou

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a conexión da AP-9 será un paso cara adiante para a Cidade da Cultura, para Santiago e para Galicia. Feijóo afirmou que Santiago “é un cruzamento de camiños”, non só de peregrinación senón “un cruzamento de camiños real na vertebración interior de Galicia tanto no eixo Atlántico como nos eixos interiores cara Ourense e cara Lugo e, polo tanto, ter un novo acceso á cidade beneficia a todos os galegos”. O titular do Executivo galego destacou que esta e outras infraestruturas comprometidas para Galicia son importantes para a calidade de vida das persoas, para a ordenación do territorio e tamén para a competitividade da economía e do turismo.

Durante o acto de inicio das obras do novo enlace da AP-9 coa Cidade da Cultura e Santiago centro, no cal tamén participou o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, Feijóo aseverou que con esta infraestrutura o monte Gaiás disporá dos accesos necesarios que son unha vella demanda da cidade.“Este acceso vai marcar un antes e un despois para a Cidade da Cultura”, afirmou o presidente. Un obxectivo ao que tamén contribuirá o seu proxecto de humanización que está a desenvolver a Xunta, a través do Bosque de Galicia, con 11.000 árbores autóctonas. O presidente engadiu que “deixaremos para as xeracións futuras un bosque impresionante do que nos sentiremos orgullosos”. Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo autonómico afirmou que esta infraestrutura permitirá, co seu deseño, todos os movementos entre a autoestrada e Santiago, tanto en sentido norte como en sentido sur, complementando a recentemente inaugurada obra de ampliación da autoestrada. Ademais, facilitará a conexión coa AP-9 dalgúns barrios de Compostela, como son o de Fontiñas, Sar e Concheiros.

Leer más:  'Contra vento e marea' es una oda a la superación creada por Rebeliom do Inframundo y Fillas de Cassandra

Feijóo tamén destacou a relevancia desta obra para o Xacobeo. “Estámonos preparando para celebrar o mellor Xacobeo da nosa historia”, afirmou o presidente e engadiu que este acceso beneficiará o ano santo, así como os proxectos autonómicos: como a integración paisaxística dos camiños de Santiago á chegada a Compostela ou a variante de Aradas ou a promoción do polígono empresarial da Sionlla. O presidente tamén destacou unha partida de medio millón de euros do Ministerio de Fomento para mellorar o acceso, as escaleiras e o enreixado da Catedral de Santiago.

Feijóo valorou tamén os 8 millóns de euros consignados para o enlace orbital, que facilitará a conexión entre a AP-9 , o aeroporto, os polígonos industriais e a autovía de Lugo.

O presidente da Xunta concluíu agradecendo o compromiso do Goberno central co pulo ás importantes actuacións proxectadas en Galicia como: o inicio das obras do último treito da autovía Santiago-Lugo; os traballos xa en marcha na circunvalación de Pontevedra; o anuncio da construción dunha nova autovía entre Vigo e O Porriño; e a posta en servizo da ampliación da AP-9. Concluíu lembrando que nos Presupostos Xerais do Estado o orzamento para Galicia se incrementa un 20%.

Leer más:  Formoso espera que Sánchez siga y acusa al PP de rebasar todas las líneas rojas

- Te recomendamos -