Inicio Galicia Feijóo destaca o superávit comercial de Galicia e ve en México un...

Feijóo destaca o superávit comercial de Galicia e ve en México un mercado no que crecer a través da innovación e da calidade

0

Agradece a acollida e a disposición para abrir novas oportunidades e o interese mutuo por despregar a capacidade dos sectores estratéxicos de ambos os territorios

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por abrir novas vías de intercambio entre Galicia e México, un mercado no que crecer e expandir os sectores galegos a través da innovación e da calidade.

Durante o foro de Oportunidades de Investimento en Galicia, celebrado hoxe en Cidade de México, Feijóo agradeceu a acollida e a disposición para abrir novas oportunidades, así como o interese mutuo por despregar a capacidade dos sectores estratéxicos de ambos os territorios no escenario internacional. Ao respecto, aseverou que Galicia é unha Comunidade solvente, cunhas contas saneadas, a que menos incrementou a súa débeda na crise e que conta cun tecido empresarial que entende a necesidade de conquistar novos mercados como unha convicción.“E México é sempre un destino acertado para as nosas empresas”, dixo, subliñando que máis dun centenar, están xa afincadas nel; e son moitas as que exportan os seus produtos a este país, que en 2017 foi o maior comprador de produtos galegos en toda Latinoamérica. Non en van, nos dous últimos anos as exportacións galegas a México creceron un 72%; e, mentres Que no 2000 eran 166 as empresas galegas que vendían ao mercado mexicano, agora, son 541 as que exportaron a este país.

Por sectores, cómpre salientar que a automoción supuxo en 2017 o 11% das exportacións a México, cunha facturación de máis de 45 millóns de euros; o téxtil é o principal sector que exporta de maneira recorrente ao mercado mexicano (preto de 70 millóns o pasado ano); e o naval e os bens de equipo suman máis do 50% do que Galicia exporta a México.

Diante destas cifras, o presidente da Xunta trasladou o convencemento de que calquera proxecto que México e Galicia poidan pechar cara ao futuro, se sostén xa sobre unha sólida base.

Ao longo da súa intervención, Feijóo puxo en valor a capacidade da industria galega incidindo na súa propensión exportadora, como proba o feito de que por quinto ano consecutivo, a Comunidade volvese bater unha marca histórica superando a barreira dos 20.000 millóns de euros. E, segundo as últimas cifras, as exportacións galegas crecen o dobre que a media de España, un 5,1% en febreiro con respecto ao mesmo mes de 2017.

Innovación para competir no mercado internacionalAsí mesmo, referiuse á aposta que o tecido empresarial está a facer pola innovación para competir no mercado internacional. “Sabemos perfectamente que neste momento xa non basta con producir, hai que seducir os potenciais clientes. E, por iso, tanto a industria galega como a Xunta estamos a poñer todos os esforzos en potenciar a innovación; é dicir, a colaboración entre empresas, centros tecnolóxicos e universidades”, explicou, engadindo que o obxectivo é establecer unha ponte entre os resultados da investigación científico-tecnolóxica e a industria para que iso se traduza en novos produtos e servizos que levar ao mercado.

Esta é a finalidade do Plan Galicia Innova 2020, que conta cun orzamento público-privado de 1.775 millóns de euros ou cunha axenda de investimentos que este bienio alcanza os 175 millóns, a Axenda Industria 4.0, para axudar ao conxunto de empresas galegas a dar o salto dixital.“A innovación é a credencial coa que competimos fronte a outros países en sectores como a automoción, o naval, o agroalimentario ou o téxtil”, afirmou, recordando que foi a innovación a que fixo posible que o primeiro coche autónomo que percorreu as estradas españolas o fixese desde Galicia; ou que os jackets que se empregan nos primeiros parques eólicos mariños do mundo que se están a construír en augas de Alemaña ou Gran Bretaña, sexan de estaleiros galegos.“Avións con tecnoloxía galega sobrevoan os ceos de medio mundo. Tamén a ordenación territorial, a seguridade marítima ou a xestión forestal e de augas empregará en pouco tempo drons con denominación de orixe galega. E hoteis e establecementos comerciais das principais firmas contan con deseño galego porque o noso sector contract chega xa a máis de 90 países”, precisou, destacando tamén a competitividade do sector agroalimentario.

O presidente da Xunta transmitiu ademais o interese por atraer investimentos a Galicia, subliñando que para iso, o Goberno galego elaborou unha lei aprobada polo Parlamento para que investir na Comunidade sexa máis fácil. “Para que aquelas empresas que queiran instalarse en calquera dos nosos polígonos industriais teñan: menos trabas administrativas e menos carga fiscal”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre