Inicio Galicia Feijóo destaca o novo Museo de Campo e Mecanización como unha homenaxe...

Feijóo destaca o novo Museo de Campo e Mecanización como unha homenaxe ao avance do rural cuxo espírito emprendedor fai que ademais de tradición sexa prosperidade e futuro

0

Resalta que os visitantes atoparán nel un espazo senlleiro e único que os unirá máis co rural e permitiralles coñecer a súa evolución e importancia, ademais de contar cun fondo documental, ideal para preparar teses de doutoramento e estudos


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o Museo de campo e mecanización como unha homenaxe ao avance do rural cuxo espírito emprendedor, aseverou, fai que ademais da nosa historia e a nosa tradición, sexa tamén sinónimo de prosperidade e futuro.

Durante unha visita ao novo museo, Feijóo aseverou que a partir de mañá todos os galegos que o visiten atoparán nel vitrinas e gráficas que axudan a entender a evolución do noso campo, reproducións de animais, a recreación dun castro celta, así como outros elementos tan familiares como os tractores da empresa Barreiros. Todo elo nun espazo de 4.400 metros cadrados para poñer ao alcance de todos os cambios que viviu o noso agro grazas á historia da mecanización agraria e das labores do campo.

O titular da Xunta resaltou que os escolares atoparán nel un espazo senlleiro e único en Galicia que os unirá máis co rural e lles permitirá coñecer mellor a súa evolución e importancia. “E tamén é un lugar para os expertos, porque este proxecto non só se configura como un espazo divulgativo, senón que tamén conta cun fondo documental, que será un instrumento ideal para preparar teses de doutoramento e estudos”, engadiu.

Nesta liña, e baixo unha estimación de 25.000 visitas ao ano de media, Feijóo agradeceu o compromiso de todos os que fixeron posible este museo: á Fundación Semana Verde, que cedeu o edificio; “aos galegos, que achegaron 145.000 euros dos seus recursos públicos a través da Xunta”; e á Fundación Campo Galego, que será a encargada de xestionalo.

Ao longo da súa intervención, salientou a necesidade de protexer a esencia do rural, a través de museos coma este ou como o Museo do Viño de Galicia, que abriu as súas portas en xullo en Ribadavia, ou dos Proxectos senlleiros, impulsados para destacar o patrimonio e a cultura do agro galego. Así, nos dous últimos anos leváronse a cabo 30 proxectos deste tipo, entre os que destacan: o acondicionamento do local social de Poulo, en Ordes; a rehabilitación dun pendello nun mercado tradicional de Agolada ou a mellora do centro hípico do mercado de Gando de Guimarei, na Estrada.

Feijóo aseverou que, ademais de ser sinónimo da Galicia verde, o rural é sinónimo da Galicia calidade, atopándose nel grandes oportunidades de futuro como demostra o feito de que, no lácteo, a Comunidade sexa a oitava rexión europea en produción; a capacidade de internacionalización do sector do viño; o sector forestal, que permite que máis de 80.000 familias galegas ingresen diñeiro pola súa venda; ou a agricultura ecolóxica, que multiplicou por 6 o valor económico das súas vendas na última década.

O presidente da Xunta concluíu garantindo o compromiso do Goberno galego co rural, referíndose deste xeito á ultima medida destinada a baixar o Imposto sobre Transmisións Patrimoniais para adquirir unha vivenda usada no rural, e que se suma ao camiño xa iniciado pola Xunta cos impostos cero no rural que converteu á Comunidade na única de España con cero impostos para mercar, vender e permutar calquera tipo de finca agraria ou forestal en todo o rural galego.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre