Inicio Galicia Feijóo destaca a traxectoria da Adega Condes de Albarei ao longo de...

Feijóo destaca a traxectoria da Adega Condes de Albarei ao longo de tres décadas nas que afrontou con éxito os retos do sector

0

Asegura que os últimos datos relativos á denominación Rías Baixas, á que pertence Condes de Albarei, reflicten que é a primeira en número de adegas, en superficie de produción, en volume comercializado e en valor de negocio

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a Adega Condes de Albarei soubo afrontar con éxito durante as súas tres décadas de traxectoria os retos do sector vitivinícola.

Con respecto a isto, o titular do Goberno galego aludiu ao crecemento das denominacións de orixe galega, asegurando que os últimos datos relativos á denominación Rías Baixas, á que pertence Condes de Albarei, reflicten que é a primeira en número de adegas, en superficie de produción, en volume comercializado e en valor de negocio.

Así mesmo, Feijóo fixo fincapé en que tamén está cumprindo cunha gran determinación con outro dos grandes obxectivos do sector, o da internacionalización. Non en van, o sector vitivinícola xa é o sector agroindustrial máis exportador e concretamente a denominación Rías Baixas é unha das máis avanzadas, xa que nos últimos dez anos aumentou máis dun 85% o seu volume de exportación. De feito, o 53% da produción de Condes de Albarei véndese no resto de España e o 15% no estranxeiro. Só o 32% se queda en Galicia.

No relativo ao reto de afondar nunha maior calidade, o titular do Goberno galego asegurou que se trata do principal sinal de identidade co que Galicia se ten que asociar nun mundo de tanta competencia como o vitivinícola. Neste senso, lembrou que o sector ten á súa disposición a Axencia de Calidade Alimentaria, creada para unificar nun só órgano todas as enerxías neste eido e tamén todos os recursos.

Por último, o presidente da Xunta referiuse ao reto de unir esforzos entre o mundo vitivinícola e o turismo, unha área na que Galicia está aínda avanzando pero na que a Adega Condes de Albarei é xa un exemplo grazas ao primeiro centro de ocio enoturístico que ten aberto no Pazo Baión, con diversas actividades e eventos e que son un referente para a maridaxe necesaria entre os viños e a axenda turística. Segundo asegurou Feijóo, que participou esta tarde nos actos de celebración con motivo do XXX aniversario da Adega Condes de Albarei, os pais desta adega formaban parte da Galicia positiva que se enfrontou ao inmobilismo e se abriu camiño cara un luminoso horizonte.


- Te recomendamos -