Inicio Galicia Feijóo destaca a puxanza da industria do mar de Galicia reflectida na...

Feijóo destaca a puxanza da industria do mar de Galicia reflectida na súa capacidade de internacionalización e de expansión

0

“Hoxe vendemos máis e vendemos mellor”, di, recordando que o sector supera a barreira da exportación de máis de 2.200 millóns de euros


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a puxanza da industria do mar de Galicia reflectida na súa capacidade de internacionalización e de expansión.

Durante unha visita ás instalacións da empresa Cefrico, do grupo Profand, Feijóo recordou que neste sector, hoxe, a Comunidade exporta máis ca nunca: superando a barreira da exportación de máis de 2.200 millóns de euros de produtos do mar –cun aumento económico do 70% nos últimos 10 anos-; e a barreira das 600.000 toneladas, un aumento do 27% nos últimos 10 anos.

Logo de precisar que esa diferencia entre a suba do volume exportado e a facturación ten que ver co valor engadido, Feijóo salientou que Galicia é a décima exportadora mundial de produtos da pesca, por diante de países coma Xapón ou Islandia, chegando a 121 países de todos os continentes.“Hoxe vendemos máis e vendemos mellor”, abundou, aseverando que a Comunidade conta con máis de 30 exemplos de expansión comercial e produtiva nos dous últimos anos neste sector: con adquisición de empresas no exterior; con investimentos na nosa terra; con compras e construción de buques; e con aumentos de produción.

Nesta liña, Feijóo incidiu na necesidade de seguir apostando pola viabilidade e competitividade das industrias conxeladoras e conserveiras galegas e salientou que ambas xeran sobre o total de España: o 61% do valor económico global, máis de 6.100 millóns de euros; e o 57% do emprego, máis de 13.200 postos de traballo a tempo completo.

Así mesmo, fixo fincapé na necesidade de seguir promovendo pancas que contribúan a tecer eses investimentos, como a seguridade xurídica –traballando todos os portos da Comunidade man a man coas compañías instaladas- e o apoio orzamentario e administrativo.

Sobre este último punto, o responsable do Executivo autonómico subliñou que desde 2009 ata 2015 puxéronse 260 millóns á disposición do sector transformador para a mellora das estruturas da cadea mar-industria e renovouse a aposta dispoñéndose de preto de 96 millóns para o período 2016-2020. Ademais da posta en marcha do Plan estratéxico da conserva, un documento que contén a folla de ruta ata o horizonte de 2020 para mellorar a competitividade, obter maior valor engadido, gañar cota de mercado e ampliar o comercio exterior.

Dentro dese compromiso co sector, Feijóo referiuse ao compromiso da Xunta coa ampliación do Ifevi, cuxo proxecto construtivo para a segunda ampliación xa se está a licitar. Por último, subliñou a importancia de seguir traballando a nivel estatal para afianzar o fornecemento de materia prima, negociando de forma axeitada dentro da Unión Europea e en acordos internacionais con países como Mauritania; para mellorar as condicións sociais da xente do mar no que se refire ás cotización, que se están a incrementar dun xeito preocupante, aseverou; e “por dotar ás empresas de maior seguridade xurídica”, dixo, en relación ao regulamento de Costas.

Na visita a Cefrico, Feijóo resaltou o grupo Profand como un exemplo da puxanza do sector transformador de produtos da pesca en Galicia; “como un exemplo de como as empresas apostan por seguir medrando e por facelo na Comunidade”. Non en van, este grupo, con sede social en Vigo, factura máis de 325 millóns, conta con máis de 2.100 empregos, esta presente en 4 continentes e ten actividade produtiva en sete países: España, Marrocos, Senegal, Perú, India, EEUU e Arxentina.

Ao respecto lembrou tamén que nos últimos tres anos, Profand adquiriu unha empresa en Marrocos e unha distribuidora en Estados Unidos –que lle deu o pasaporte para facer a compra posterior da maior firma produtora e comercializadora de pota e calamar da costa Este e EEUU-. Ademais de seguir medrando, coa recente adquisición de Caladero, líder en España na produción e distribución de pescado envasado en atmosfera protectora (en bandexa).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre