Inicio Galicia Feijóo destaca a importancia do novo paquete de medidas para a atención...

Feijóo destaca a importancia do novo paquete de medidas para a atención primaria porque ?en Galicia estase a comezar a solucionar un problema extensible a toda España?

0

Pon como exemplo ante médicos de todo o Estado a proposta presentada esta semana e tamén a mellora da sanidade galega na última década

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2019.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a importancia do novo modelo de atención primaria para os próximos 25 anos, unha proposta pioneira con 175 medidas a desenvolver nos vindeiros anos, presentado esta mesma semana pola Consellería de Sanidade. En Galicia, valorou, estase a comezar a solucionar un problema extensible a toda España e, polo tanto, agardou que esta proposta sirva de modelo para o resto.

O titular do Goberno galego participou este mediodía no xantar celebrado con motivo da Asemblea Xeral do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos, no marco do III Congreso de Cooperación Internacional da Organización Médica Colexial de España (OMC), que tivo lugar en Santiago de Compostela entre o xoves e o día de onte. No almorzo estivo tamén presente o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña.

Ademais de subliñar a relevancia da iniciativa vinculada á atención primaria, que só Galicia e o País Vasco están impulsando neste momento, puxo o foco na mellora da sanidade pública galega na última década, que tamén, asegurou, é un exemplo a seguir para o resto de España, tendo en conta a evolución positiva en canto ao número de profesionais, atención, infraestruturas ou prestacións.

En relación ao novo modelo de atención primaria, o presidente da Xunta detallou as seis liñas estratéxicas que contempla a proposta e entre as que figuran: a creación de equipos de atención primaria nos que se definan os novos roles, a coordinación e comunicación entre a atención primaria e hospitalaria, a atención a demanda, a formación, a relación cos pacientes e a comunidade e , finalmente, o plan de necesidades.

Con todo, considerou necesario que o Goberno central se implique na organización da atención primaria para o presente e o futuro, toda vez que ao executivo estatal lle corresponde a planificación sanitaria.

Feijóo explicou que a Sanidade Pública é ano tras ano unha prioridade nos orzamentos da Xunta, grazas ao que se produciron un bo número de melloras, como se deduce dos máximos históricos en 2018 en intervencións cirúrxicas, consultas ou transplantes. Do mesmo xeito, tamén se exemplifica na constante renovación e modernización das infraestruturas, ou na suma de medios para a prevención. Un bo número de factores que, sinalou, fan “darse conta de onde estabamos antes e onde estamos agora”.

O sistema galego da unha boa imaxe, segundo o presidente da Xunta, do “logro colectivo” que supón a sanidade pública para o conxunto do Estado. Non obstante, tamén destacou que “será sempre, e así debe ser, unha obra en permanente reforma e permanente mellora”, de aí que a Comunidade siga a traballar nos retos do futuro, como a citada mellora da atención primaria, o aumento de pacientes crónicos, a atención no rural, a medicina personalizada ou a medicina a domicilio. Ademais, fixo fincapé unha vez máis na necesidade dun gran pacto político en España neste ámbito, así como en que a reforma do sistema de financiamento o teña en conta de forma destacada.

Así mesmo, destacou que o modelo español atrae as miradas de todos os demais países e tamén é un participante activo na cooperación internacional, como se comprobou neste congreso. A cooperación sanitaria é un dos mellores xeitos de saír ao exterior porque temos un sistema médico modélico.

O titular do Goberno galego, poñendo de novo como exemplo esta Comunidade, subliñou, por último, o orgullo que sente dunha Sanidade Pública española que “non se conforma, viaxa a onde non está nin se lle chama, e aspira a seguir avanzando”. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre