Inicio Galicia Feijóo destaca a Galicia como a proba de que un modelo baseado...

Feijóo destaca a Galicia como a proba de que un modelo baseado na moderación e a estabilidade, xunto a un pobo exemplar, repercute no progreso colectivo

0

Afirma que Una España mejor traslada o desexo de que o lector comparta a idea de que a moderación é útil para o ben común, sempre e en calquera circunstancia. “Unha lección que nunca pasará de moda e que hoxe é máis importante que nunca”, di

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2019.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a Galicia como a proba de que un modelo baseado na moderación e a estabilidade, xunto a un pobo exemplar, repercute no progreso colectivo.

Con este exemplo, Feijóo quixo apoiar as palabras de Mariano Rajoy que estes días, e a propósito do cuestionamento da España das autonomías desde diversos extremos, sinalaba que non está fallando o modelo senón a lealdade dalgunhas formacións.

Durante a presentación do libro do ex presidente do Goberno Una España mejor, Feijóo aseverou que esta obra lembra que con centrismo e moderación se pode construír e unir un país. “Unha lección que nunca pasará de moda e que hoxe é máis importante que nunca”, aseverou, reivindicando a galeguidade patente na súa forma de ser, alérxica a excesos e grandes palabras baleiras e que se demostra na defensa do sistema autonómico como fórmula non perfecta pero idónea para xestionar a nosa diversidade.“Estamos a falar dun libro que traslada o desexo de que o lector comparta a idea de que a moderación é útil para o ben común, sempre e en calquera circunstancia”, dixo, asegurando que o ex presidente do Goberno é un deses políticos que, sen solemnidades, sen excesos, ocultando a súa sabedoría na sinxeleza, cumpre o requisito do auténtico estadista: non traballar soamente para as próximas eleccións, senón sobre todo para as próximas xeracións.

O responsable do Executivo autonómico referiuse tamén á moción de censura de 2018 para afirmar que con ela non se derribou a un presidente, a un Goberno ou a un partido, senón que se socavou a moderación e a estabilidade. “A política española dá un salto no baleiro para sumirse na incerteza”, sentenciou, subliñando que todas as xustificación daquela operación política foron caendo unha tras outra, deixando en evidencia o mero desexo de substituír o equilibro e a temperanza, polo risco e a aventura.

Non en van, aseverou que cando aínda non está claro que rumbo ten esa aventura, nin quen o marca, empezamos a intuír que a estabilidade é o gran prezo a pagar, e o sentido de Estado o tributo que se pide.

Feijóo concluíu afirmando que non semella que esta etapa de turbulencias e tratos con pouca luz e menos taquígrafos, vaia dar paso a un novo período estable, xa que “o propósito dalgunhas das forzas que poden configurar unha nova maioría, é precisamente que a inestabilidade se converta en algo crónico”.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre