Inicio Galicia Feijóo destaca a capacidade de Galicia para integrar, sumar e engadir, cun...

Feijóo destaca a capacidade de Galicia para integrar, sumar e engadir, cun patriotismo que non mingua cando se reparte, senón que se multiplica

0

Salienta que sen ese afán pola síntese que alberga todo galego non sería fácil entender aos galardoados

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a capacidade de Galicia para integrar, sumar e engadir, cun patriotismo que non mingua cando se reparte, senón que se multiplica. “Cada galego é Galicia e Galicia viaxa con cada galego. Galicia sempre preferiu o ‘e’ ao ‘ou’, de xeito que o resultado é unha comunidade que é galega e española e europea e americana e tamén catalá. Son adicións sucesivas que, lonxe de minguar a nosa identidade, enriquecérona con novas achegas”, aseverou.

Nesta liña, afirmou que sen ese afán pola síntese que alberga todo galego non sería fácil entender aos galardoados co Título de Excelencia Galega 2019 da Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña. “Non sería fácil entender a carreira literaria de Dolores Redondo, nin o labor de David Filgueiras, un apaixonado da investigación médica do que poderíamos dicir que ten a Galicia no seu corazón, porque é precisamente o corazón sobre o que versa o seu traballo”, dixo, ao tempo que subliñou que a historia de Diego López como un dos mellores gardametas do fútbol español é tamén unha historia de experiencias acumuladas que se inician cos equipos da súa Paradela natal e acaban, de momento, no Espanyol de Barcelona.

De Charo Barca Fernández, presidenta da Fundación Andrea, resaltou a seu traballo nunha entidade exemplar que palía cun pouco de alegría as doenzas e convalecencias dos máis pequenos. E, de Laura González Molero resaltou a súa aposta polo liderado inspirado nas habilidades sociais e a intelixencia emocional, “unha certeza que procede da súa orixe ourensá e inspírase na súa longa traxectoria profesional como executiva e conselleira”.

Así mesmo, de José Manuel González Páramo salientou que “é un galego máis, habituado á evolución do mundo financeiro, e que acostuma a compartir a súa rica experiencia en todo tipo de auditorios”. “E, con Xabier Fortes comparto a emoción que ambos nos produciu o libro de Javier Cercas, Anatomía de un instante”, engadiu.

Feijóo finalizou a súa intervención recordando que Galicia está a preparar o que será o mellor Xacobeo de cantos se teñen celebrado. “No 2021 a nosa terra volverá ser o centro do mundo. Galicia é integración”, concluíu.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre