Inicio Galicia Feijóo compromete o esforzo da Xunta para seguir destinando recursos á prevención,...

Feijóo compromete o esforzo da Xunta para seguir destinando recursos á prevención, ao tratamento e á investigación do cancro

0

Enxalza o labor da AECC, que está presente nos momentos máis complicados da enfermidade


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, comprometeu hoxe o esforzo da Xunta para seguir destinando recursos á prevención, ao tratamento e á investigación do cancro.

Durante a presentación da nova sede da Asociación Española contra o Cáncer (AECC), en Santiago, Feijóo aseverou que a atención dos pacientes oncolóxicos seguirá a ser unha liña de acción fundamental do Servizo Galego de Saúde.

Ao respecto, o titular do Executivo autonómico insistiu tanto na mellora da atención, a través das vías rápidas para distintos procesos oncolóxicos, das que xa se beneficiaron máis de 76.000 pacientes desde a súa entrada en vigor; como na prevención e no diagnóstico precoz, con programas de cribado de colon e mama, ou co traballo para poder implantar un novo programa de cribado do cancro de cérvix.

No tocante aos tratamentos, salientou que a Comunidade dispón dos últimos avances farmacolóxicos e recordou que, proximamente, se presentará o Plan oncolóxico. Ademais de referirse tamén aos avances tecnolóxicos implantados coa contribución da Fundación Amancio Ortega; e aos avances no ámbito da investigación oncolóxica, cuxo investimento creceu en Galicia un 109% entre 2014 e 2018.“Os profesionais diagnostican, tratan, prescriben, a eles lle debemos todo o que que o Servizo Galego de Saúde é capaz de ofrecer durante 24 horas e 365 días do ano, porque este servizo non pecha”, engadiu.

Ao longo do acto, Feijóo enxalzou o labor da AECC, que está presente nos momentos máis complicados da enfermidade. E, máis polo miúdo, referiuse ao compromiso dos preto de 80 voluntarios e preto dun milleiro de socios que ten en Compostela esta asociación.

Feijóo tivo tamén palabras de recoñecemento para Luz Hernández, que vén de deixar a presidencia da xunta local de Santiago da Asociación. “Leva preto de dúas décadas dando luz a unha enfermidade que estou seguro de que cando se puxo á fronte da xunta local era moito máis escura”, afirmou, subliñando que esa realidade dinos que hai decenas de tipos de cancro e que se trata dunha das enfermidades máis presentes na sociedades, pero tamén que cada vez hai máis tipoloxías con tratamento e que se está a avanzar a grandes pasos. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre