Inicio Galicia Feijóo compromete a licitación neste 2020 do proxecto construtivo do novo Hospital...

Feijóo compromete a licitación neste 2020 do proxecto construtivo do novo Hospital Público da Coruña que contará co dobre de superficie hospitalaria para máis urxencias, consultas ou quirófanos

0

Precisa que esta nova infraestrutura contará cun investimento de 395 M€, que se sumarán aos 100 M€ que xa se investiron para renovar o 70% do hospital actual


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, comprometeu hoxe a licitación neste 2020 do proxecto construtivo do novo Hospital Público da Coruña, que contará co dobre de superficie: máis de 200.000 metros cadrados para contar cun 108% máis de postos en urxencias, cun 49% máis de consultas, cun 30% máis de quirófanos; cun 15% máis de camas, das que o 55% serán individuais; e cun 90% máis de postos de hospital de día.

Durante a presentación, Feijóo iniciou a súa intervención garantindo o compromiso da Xunta con este proxecto, precisando que neste 2020: licitaranse e adxudicaranse as obras de remodelación das antigas urxencias; licitarase o proxecto construtivo de todo o novo hospital e darase resposta a un novo edificio de hospitalización singular. Para iso, salientou que esta nova infraestrutura contará cun investimento de 395 millóns de euros, que se sumarán aos 100 millóns de euros que xa se investiron para renovar o 70% do hospital actual.

Ao longo da súa intervención, o titular do Executivo autonómico referiuse a este novo hospital como unha proba máis do compromiso coa Sanidade pública galega: con máis hospitais na última década e cos mellores resultados de rendemento sanitario da súa historia.

Sobre este punto, Feijóo resaltou o gran nivel clínico dos profesionais desta área que fixeron posible nesta última década: levar a cabo un 10% máis de consultas; atender un 10,5% máis de urxencias; incrementar case nun 14% as intervencións cirúrxicas; e aumentar un 17,8% o número de transplantes.

A mellor decisión que permitirá un novo hospital nas mellores condicións sanitariasNo acto, aseverou que o novo hospital responderá ás dúas prioridades marcadas cando se iniciou o proxecto: seguir mellorando a sanidade pública da Coruña, dando resposta ao incremento de demanda que se prevé no futuro; e seguir mellorando a Sanidade pública no seu conxunto. Uns obxectivos aos que tamén contribuirá o edificio de investigación que complementará ao novo hospital, dando o respaldo docente, de investigación e de innovación.

Logo de analizar as distintas posibilidades de construción, e se ben desde o punto de vista sanitario a capacidade asistencial estaba garantida, Feijóo salientou que coa ubicación definitiva ao carón do CHUAC, poderanse dar xa pasos inmediatos non só no que se refire a demolicións e traslados previos, senón tamén no que se refire á execución da obra cunha fase 0 e co edificio de investigación, o que adiantará en tres-catro anos a data de remate e posta a disposición desta nova infraestrutura; ademais de permitir a entrega do novo hospital por fases, segundo se vaian rematando.

Así mesmo, esta opción garante a mellor accesibilidade ao permitir menores tempos de percorrido para os profesionais e pacientes que todos os días entran no hospital e cunha alternativa que reduce o risco de retencións en momentos de hora punta.“En definitiva, estamos a falar da mellor decisión que permitirá que a área sanitaria da Coruña teña un novo hospital nas mellores condicións sanitarias”, dixo, incidindo en que o proxecto inclúe o 100% das necesidades dos profesionais e dos pacientes. Nas mellores condicións temporais, “diminuíndo os prazos de inicio e, consecuentemente, de entrega, ao poder licitarse a obra nun prazo de dous meses, a partir de agora”. E, nas mellores condicións de accesibilidade, quedando garantidas as conexións necesarias para dar soporte a afluencia diaria deste hospital, explicou, referíndose tamén á disposición do Concello a traballar conxuntamente a favor da operatividade e a axilidade.

Renovación do Hospital Abente y Lago e o Hospital de OzaAsí mesmo, aseverou que este proxecto forma parte dunha actuación completa encamiñada a actuar en toda a área e que inclúe o compromiso de renovar o Hospital Abente y Lago e o Hospital de Oza, cun investimento total de máis de 12 millóns de euros.

O presidente da Xunta concluíu agradecendo todas as achegas dos profesionais, das asociacións de pacientes e tamén da sociedade civil, fundamentais, dixo, para darlle forma ao Plan Funcional que marcou o camiño que precisaba esta área sanitaria. E pediu a todos eles a mesma implicación para que o proxecto e a súa execución dean a resposta máis axeitada a todas as necesidades.

Se ben o peso máis importante deste proxecto recae na Administración autonómica, Feijóo referiuse á necesaria implicación do Concello para levalo a cabo. Ao respecto, valorou a colaboración institucional e o compromiso do Concello para asumir as obrigas que lle corresponden neste proxecto de cidade, referíndose especialmente á expropiación dos máis de 30.000 metros cadrados, á ampliación dos viais ou as obras de abastecemento, saneamento e eléctricas que conleva o proxecto.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre