Inicio Galicia Feijóo avoga por que os intereses comúns de Asturias e Galicia sigan...

Feijóo avoga por que os intereses comúns de Asturias e Galicia sigan a ser a base dunha colaboración frutífera que non entende de siglas nin de ópticas ideolóxicas

0

Reitera a proposta de que os quilómetros das autopistas en España vallan o mesmo


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por que os intereses comúns de Galicia e Asturias sigan a ser a base dunha colaboración frutífera que non entende de siglas nin de ópticas ideolóxicas. “Agardo que poidamos seguir exercendo unha cordial relación de veciñanza e traballando xuntos”, dixo, recordando a intensa tarefa e capacidade de entendemento que sempre amosou o anterior presidente de Asturias, Javier Fernández.

No marco dos Encuentros en el Eo, que organiza a Corporación Voz de Galicia, Feijóo volveu poñer de manifesto que as prioridades de ambas comunidades son semellantes en asuntos estratéxicos como as infraestruturas, a evolución demográfica ou o propio financiamento autonómico. Non en van, recordou que as dúas traballaron xuntas de forma ininterrompida con todos os seus presidentes.

Nesta liña, apostou porque, “ao igual que Galicia e o norte de Portugal estableceron unha ponte económica, comercial e empresarial a través dunha Eurorrexión, esa ponte que se construíu sobre o Miño sexa a mesma ponte que se constrúa sobre o Eo”.

Unhas infraestruturas propias do século XXIDespois de subliñar que en todos os asuntos que suscitaron acordo entre Galicia e Asturias, e tamén con outras comunidades, hai un denominador común: o respecto á igualdade entre os españois; Feijóo incidiu na necesidade de manter viva a alianza a favor dos intereses do Noroeste ante a oportunidade dos corredores europeos de transporte.“Todo isto en base á equidade e para non estrangular os nosos territorios”, dixo, e fixo fincapé en que “non podemos seguir coas peaxes que temos”, reiterando a proposta de que os quilómetros das autopistas en España vallan o mesmo.

No tocante ás comunicacións viarias, Feijóo resaltou que, “se ben despois de vinte anos por fin temos a Transcantábrica”, é necesario resolver o problema da néboa. En segundo lugar, referiuse á necesaria planificación da liña ferroviaria que debería vertebrar a cornixa cantábrica, xa que “tardar 14 horas desde Ferrol a Barcelona en tren non é comprensible”; e sobre o AVE, lamentou que non se estean a cumprir as expectativas, cun retraso como mínimo dun ano ou ano e medio.

Así mesmo, asegurou que Asturias e Galicia, xunto a Castela e León, deben manter activa a alianza de éxito coa que, xunto ás forzas sociais e empresariais, se conseguiu corrixir o erro histórico que supoñía a exclusión do Noroeste de España do Corredor atlántico de mercadorías. E insistiu en que o obxectivo non pode ser só figurar no mapa, senón conseguir a auténtica modernización da nosa rede de mercadorías, grazas ao financiamento europeo “ao que, agora si, temos acceso”. “Tócanos seguir traballando xuntos para que se materialice”, recalcou.

Por outra banda, e no eido das infraestruturas para unha mellor conectividade, o responsable do Executivo galego precisou que para mellorar a cobertura móbil dos núcleos galegos que o necesitan, a Xunta vén de presentar unha medida cun investimento de 5 millóns de euros para cubrir con telefonía móbil núcleos de poboación de 10 habitantes, da que se poderán beneficiar núcleos de 118 concellos.

Neste mesmo eido, destacou que grazas a internet a comunidade galega conta cunha administración aberta 24 horas, os 365 días ao ano, de forma descentralizada e confirmou que o próximo reto ten que ver con aumentar as velocidades de conexión e, mirando un pouco máis lonxe, ser das primeiras rexións europeas en contar cos servizos avanzados que permitirá o 5G.

Incertezas en torno ás industrias electrointensivas e as centrais térmicasO titular da Xunta aproveitou a xornada para falar da incerteza que existe en torno ás industrias electrointensivas e urxiu, novamente, a aprobación dun Estatuto para o consumidor electrointensivo, que garanta un prezo viable entre os 35 e os 40 euros. E referiuse á mesma incerteza que se cerne sobre as centrais térmicas como a das Pontes, demandando unha transición ordenada e xusta. “Os cambios son imparables, sen dúbida, pero teñen que levar períodos de transición, porque se se fai un cambio abrupto prodúcese unha fractura”, sentenciou.

Compromiso demográfico e novo modelo de financiamento autonómicoO responsable da Administración autonómica galega fixo referencia a un dos grandes problemas de Europa e que afecta tamén a Galicia e Asturias: a dinámica demográfica. E, ao fío deste asunto, constatou que Galicia está a traballar nunha lei de impulso demográfico, que a converta na primeira comunidade que eleve as políticas demográficas a rango de lei.

Así mesmo, subliñou que en 2020 introduciranse tres novas medidas relacionadas con esta materia: incrementar un 25% a Tarxeta Benvida para as familias que viven no rural; financiar o 100% a creación de pequenos centros de conciliación dentro das propias empresas; e facer 100% gratuíta a educación infantil de 0 a 3 anos para os segundos fillos e sucesivos en todas as escolas.

Feijóo transmitiu a necesidade de contar nesta área con políticas europeas, de Estado, autonómicas e locais. “Os concellos, as deputacións e as comunidades temos que crear un fondo para incentivar e diminuír os custes obxectivos de ter fillos, e se lle sumamos presupostos de Estado, teremos unha política demográfica obxectiva”, matizou.

O presidente da Xunta volveu poñer de manifesto a necesidade dun novo sistema de financiamento autonómico que supere a idea do reparto por territorios e garanta un financiamento igualitario para cada cidadán, repartindo os recursos en base a necesidades obxectivas de gasto en cada territorio. “E tamén ha de cumprirse o acordo acadado na Conferencia de Presidentes de xaneiro de 2017, referido a que o sistema de financiamento autonómico inclúa unha peza separada para a sanidade pública”, sostivo, insistindo en que se trata de necesidades que foron postergadas no tempo e que urxe abordar.

Feijóo concluíu lamentado que a Administración central do Estado deba o pago dunha mensualidade do IVA correspondente a 2017, así como a compensación ás comunidades cumpridoras como Galicia. Unhas contías, importantes para os orzamentos das autonomías e para os servizos públicos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre