Inicio Galicia Feijóo avanza unha nova achega de 41 M? en 2020 para seguir...

Feijóo avanza unha nova achega de 41 M? en 2020 para seguir impulsando o rural a través da mellora das explotacións agrarias, da remuda xeracional e do apoio a pequenas explotacións

0

Subliña que para fomentar a mellora das explotacións agrarias a Xunta destinará 24 millóns de euros, para promover a remuda xeracional no agro 14 millóns de euros e para apoiar o desenvolvemento de pequenas explotacións 3 millóns de euros


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello unha achega de 41 millóns en 2020 para seguir impulsando o rural a través da mellora das explotacións agrarias, promovendo a remuda xeracional no agro e co apoio ao desenvolvemento de pequenas explotacións.

Na rolda de prensa do Consello, Feijóo precisou que para fomentar a mellora das explotacións agrarias, a Xunta destinará 24 millóns de euros para: a reforma ou construción de instalacións e compra de maquinaria que supoñan unha redución nos custos de produción ou un incremento da produtividade; mellora das condicións agroambientais, hixiénico-sanitarias e de benestar dos animais; ou o almacenamento de xurros, instalación de sistemas alternativos que permitan reducir a carga de fósforo e nitróxeno e cuxo produto interactúe e mellore a estrutura do chan ou sistemas que melloren a eficiencia no uso de fertilizantes nitroxenados.

Así mesmo, impulsarase a diminución do consumo de enerxía ou de auga; a mellora dos sistemas de ventilación e illamento das explotacións gandeiras; a produción de enerxías renovables e bioenerxía para o seu uso nas explotacións agrícolas; a mellora das condicións de seguridade laboral; e a compra de construcións agrarias en desuso, entre outros fins.

No tocante ás axudas para promover a remuda xeracional no agro, que contarán cunha partida de 14 millóns de euros, estarán destinadas aos novos agricultores e gandeiros que non teñan cumpridos os 41 anos de idade, que se establezan por primeira vez nunha explotación agraria, xa sexa mediante a súa creación ou mediante a súa incorporación a unha existente, e que permanezan na actividade durante un mínimo de 5 anos. Así, a axuda consistirá nunha prima cunha contía básica establecida en 20.000 euros que, non obstante, poderá incrementarse en función do volume de gasto necesario para a posta en marcha da explotación.

Por último, e para apoiar o desenvolvemento de pequenas explotacións, a Administración autonómica destinará 3 millóns de euros. Esta orde estará dirixida ás explotacións agrarias que figuren inscritas no rexistro de explotacións agrarias de Galicia e, en concreto, consistirá nunha prima única de 15.000 euros.

As axudas, que se concederán pola execución do plan empresarial pagaranse en dúas cotas: unha primeira, correspondente ao 60% do importe da axuda, cando acredite o inicio das actuacións incluídas no plan empresarial. E o importe restante, cando se consigan os obxectivos do plan empresarial.

Feijóo concluíu aseverando que estas tres iniciativas permitirán mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas; avanzar na consecución dun adecuado dimensionamento e dun correcto equilibrio dos factores de produción das explotacións agrarias; rexuvenecer a poboación activa agraria, contribuíndo á mellora da competitividade e dinamización; fomentar o emprego no sector agrario e na actividade da explotación, con especial consideración cara as mulleres. Todo elo co obxectivo de contribuír ao mantemento da poboación no medio rural e evitar o abandono das explotacións.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre