Inicio Galicia Feijóo avanza que a Estratexia Retorna 2020 facilitará a volta de máis...

Feijóo avanza que a Estratexia Retorna 2020 facilitará a volta de máis de 20.000 galegos do exterior

0

Asevera que a estratexia conta cun conxunto de 50 iniciativas cun orzamento total de 235 millóns de euros

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Estratexia Retorna 2020 facilitará a volta de máis de 20.000 galegos do exterior. Conta cun conxunto de 50 iniciativas cun orzamento total de 235 millóns de euros. A contía estará dividida en 15 millóns de euros destinados a medidas específicas e 220 millóns para propostas transversais, que contarán con incentivos específicos para os retornados.

Entre os principais obxectivos da Estratexia Retorna 2020 están: incrementar nun 50% o número de retornados, promover o regreso de máis de 20.000 galegos e que o 60% dos que retornen (é dicir, un mínimo de 12.000 persoas) teñan menos de 45 anos.

En relación ás medidas específicas para os retornados, o titular da Xunta destacou a creación da Oficina integral de asesoramento e seguimento ao emigrante retornado, que contará cun conxunto de técnicos cualificados, cunha oficina virtual de atención ao retornado e cun teléfono de atención e asesoramento específico para os retornados.

Leer más:  PPdeG considera que el pacto BNG-Bildu-ERC demuestra que están "desconectados de la Galicia mayoritaria"

No eido da formación, Feijóo referiuse tamén á creación dunhas bolsas para que os emigrantes cursen na comunidade un ciclo de FP superior, cunha achega de ata 5.000 euros por alumno; e o reforzo das Bolsas de excelencia mocidade exterior, cuxa segunda edición axudará financeiramente aos mozos con formación universitaria que queiran cursar un máster en Galicia, cunha achega que oscila entre os 7.000 e os 11.500 euros por alumno.

Así mesmo, reforzaranse as axudas ao retorno emprendedor, que facilita ata 10.000 euros para que os retornados poñan en marcha o seu negocio e porase en marcha unha nova liña nas axudas extraordinarias ao emigrante retornado, para familias con fillos menores de idade que se establezan en Galicia.

Sobre este punto, o presidente do Executivo autonómico anunciou unha achega de 1.000 euros por neno ata o segundo fillo e 1.500 a partir do terceiro, cun 25% máis en caso de que a residencia estea fixada no rural.

Medidas transversaisPor outra banda, e en relación ás medidas transversais, cómpre subliñar que nesta estratexia encádranse iniciativas como a adaptación das medidas de impulso á natalidade, como a Tarxeta Benvida, ás circunstancias especiais das familias retornadas, para que poidan acceder desde que se empadroan; incorporación dos estudantes retornados nas axudas destinadas aos universitarios con dificultades para continuar os estudos por causas sobrevidas; ou o incremento dos incentivos á contratación para as empresas que conten con emigrantes retornados sen emprego, cun aumento do 25% nestes casos e unha contía máxima de 8.000.

Leer más:  El BNG denuncia que Altri puede ser "el tiro de gracia" para una Ría de Arousa "en continua caída productiva"

Introduciranse ademais incentivos específicos nas axudas á contratación indefinida por parte de traballadores autónomos e nos programas de consolidación do emprego en novas pemes, cun aumento do 25% e un máximo de 8.000 euros. Por último, en materia de vivenda, contarase cos retornados como colectivo específico para as axudas ao alugueiro.


- Te recomendamos -