Inicio Galicia Feijóo avanza o primeiro bloque de medidas do Plan de recuperación social,...

Feijóo avanza o primeiro bloque de medidas do Plan de recuperación social, cunha achega de 38 millóns de euros para os fogares máis vulnerables

0


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a probación do primeiro bloque de medidas do Plan de recuperación social, cunha achega de 38 millóns de euros para os fogares máis vulnerables a partir da próxima semana.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo subliñou que este primeiro bloque está formado por sete medidas. A primeira delas, o lanzamento dunha tarxeta moedeiro coa que preto de 30.000 familias, que carecen de emprego ou ingresos fixos e que non accederon aínda a unha renda social, poderán adquirir produtos de primeira necesidade, tanto de alimentación como de hixiene e farmacia.

As tarxetas serán recargables e a súa contía aboarase en tres cotas -unha ao mes- e o seu importe total dependerá do número de membros da unidade familiar: 450 euros para as persoas que viven soas; 600 euros para familias de dous membros; e 900 euros para familias de tres ou máis membros.

Logo de subliñar que para a xestión desta tarxeta a Xunta contará coa colaboración da Cruz Vermella, o responsable do Executivo galego asegurou que o obxectivo é que as axudas sexan inmediatas, e que non pasen máis de tres días entre que a persoa solicita a tarxeta no seu Concello e que a recibe.

Como segunda medida, Feijóo referiuse ao menú solidario, unha iniciativa destinada a 20.000 persoas, ás que se lles cofinanciará o menú nos establecementos hostaleiros da comunidade autónoma, e que se articulará tamén a través dunha tarxeta moedeiro, que irá precargada con 30 menús, chegando deste xeito a financiarse un total de 600.000 menús solidarios.

Cómpre salientar que os establecementos que se adhiran a esta medida comprométense a ofrecer un menú do día a un prezo fixado de 8 euros, dos que a Xunta financiará 5 euros e o beneficiario 3. Esta iniciativa estará destinada ás persoas con ingresos mensuais inferiores a 710 euros (un adulto); a 1066 euros (dous adultos); ou a 1492 euros (tres ou máis adultos).

En terceiro lugar, Feijóo subliñou que o Plan de recuperación social contempla ademais a extensión do Xantar na casa a 2.000 persoas, un 40% máis das que o recibían antes da emerxencia sanitaria -1.440 persoas-.

Segundo explicou o presidente da Xunta, con este plan estenderase tamén ata final deste ano outra das medidas extraordinarias postas en marcha durante a pandemia: o Servizo de Axuda no Fogar, cun incremento do 50%. “Neste momento percibíano 24.000 persoas e agora o poderán percibir 12.500 persoas máis, co obxectivo de axudar cun coidador a todos aqueles que precisan atención domiciliaria e que suporá 500.000 horas de coidado nos propios domicilios e a creación de 300 postos de traballo”, aseverou.

En quinto lugar, resaltou o incremento nun 50% da partida orzamentaria destinada ás Axudas de Inclusión Social, de 3 a 4,5 millóns de euros anuais, e que chegará a 1.100 persoas máis cada ano, para gastos de alimentación, roupa, gafas, dentista, próteses ou calquera outra dificultade sobrevida das familias. “E tamén melloraremos a tramitación da Risga e as pensións non contributivas, mediante técnicas encamiñadas a axudar coa máxima axilidade a que se poidan cobrar de forma inmediata”, engadiu.

Por último, o Plan de recuperación social incorporará unha orde especial de axudas para as entidades de iniciativa social, que “fixeron un esforzo extraordinario”, cun apoio de 1,5 millóns de euros: os albergues; cociñas económicas e comedores sociais; centros de atención social continuada; centros de acollida; e centros de inclusión, nos que se ofrecen servizos de hixiene ou calor e café.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre