Inicio Galicia Feijóo avanza o Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, dotado con 102...

Feijóo avanza o Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, dotado con 102 millóns e con 200 actuacións destinadas a aumentar o persoal, renovar equipos e tecnoloxía e a unha mellor coordinación

0

“O plan ten un presuposto concreto, un prazo concreto, unhas accións concretas e uns obxectivos concretos”, di, e precisa que o orzamento estará distribuído en 36 M€ en 2019, 39,9 M€ en 2020 e 26,4 M€ en 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe o Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, dotado con 102 millóns de euros e con 200 actuacións destinadas, entre outras cousas, a aumentar o persoal, renovar equipos e tecnoloxía e a unha mellor coordinación.

Na rolda de prensa do Consello, Feijóo destacou que o plan é produto do traballo entre administracións, profesionais e pacientes. Non en van, 123 profesionais de todas as categorías plantexaron 525 propostas de mellora; 270 profesionais enviaron achegas a través do correo electrónico; e conta coas propostas das asociacións de pacientes, sindicatos, sociedades científicas e dos colexios profesionais e do Consello Asesor de Sanidade e o de Pacientes, ademais das aportacións presentadas pola cidadanía a través das 4.549 enquisas telemáticas da plataforma É-Saúde. “Así mesmo, sentámonos coa FEGAMP e as Consellerías de Educación e de Política Social, entre outras”, engadiu.

Máis polo miúdo, o responsable do Goberno galego precisou que do total das 200 accións: o 40% destas accións desenvolveranse nun período de 6 meses; o 33%, en 12 meses; e o 27%, en 24 meses.“Trátase de dar respostas a retos asistenciais derivados dos cambios sociodemográficos e epidemiolóxicos, e ás demandas da cidadanía e dos profesionais sanitarios”, subliñou, destacando que do total dos 102 millóns de euros: 17,2 millóns serán para accións destinadas a aumentar persoal; 79,5 millóns para mellorar o equipamento dos centros de saúde e dos PAC, e para ir executando as obras de reparación e de reforma previstas ou adicionais; e 5,6 millóns destinaranse a incrementar o volume de adquisición de vacinas. “E levaranse a cabo diversas accións de reorganización destinadas a incrementar a estabilidade e a desburocratización, e a aumentar a coordinación entre niveis”, sinalou.

No tocante ao investimento de 17,2 millóns, o titular da Xunta precisou que estarán destinados á dotación de recursos humanos, o que significa a creación de 331 prazas na Atención Primaria: 80 serán de médicos de familia; 20 prazas serán de pediatra; e crearanse 17 novas prazas de MIR de medicina familiar e outras 6 de MIR de pediatría. Tamén se incrementarán as prazas de enfermería, en concreto 130, ademais das doutras categorías profesionais: 4 prazas de farmacia, 20 de matronas, 40 de fisioterapia e 14 de traballo social.

Por outra banda, da achega composta por 79,5 millóns: 10,7 millóns irán destinados á renovación e dotación de equipamento e mobiliario; 51,8 millóns a obras; 6,6 millóns para reformas nos centros de saúde e PACs; e á implementación das TIC destinaranse 10,1 millóns de euros.

Renovaranse diversos elementos como, por exemplo, 5.000 equipos de impresión e dotarase a todos os centros de saúde de novos equipos de escaneado. Renovarase o 25% dos equipos informáticos (1.500 dos 6.000 instalados). Posibilitarase a tramitación electrónica do 100% das peticións de proba e renovaranse ou adquiriranse electrocardiógrafos, espirómetros, desfibriladores e ecógrafos, así como outro equipamento electromédico.

Con respecto á construción de centros de saúde, Feijóo explicou que, a longo prazo, finalizaranse os novos centros de Melide, Narón, Bouzas, Porriño e Moaña, así como os centros integrais de saúde de Lugo, e Lalín. Reparase a cuberta do centro de saúde de Ortigueira. Reformarase o centro de saúde e a unidade saúde mental de Conxo-Santiago de Compostela. E, traballarase para a posta en marcha dos novos centros de saúde en: Caldas de Reis; Santa Lucía, na Coruña; no barrio do Vinteún, en Ourense e no CIS Cangas-Moaña. “Son compromisos concretos en comarcas concretas”, abundou. En terceiro lugar, melloraranse os programas de vacinación fronte á gripe, apostando por vacinas tetravalentes; e fronte ao virus do papiloma humano, incluíndose unha vacina que oferta unha protección directa contra 7 xenotipos oncoxénicos e 2 que protexen sobre as verrugas xenitais. Para todo isto, contarase cun incremento no orzamento para mercalas de 5,6 millóns.

Por último, realizaranse outras accións de carácter organizativo ou que teñan que ver coas novas tecnoloxías. Así, destacou a mellora da coordinación entre atención primaria e hospitalaria e o 061: habilitando a e-interconsulta entre ambos niveis asistenciais para todas as categorías profesionais e axustando os tempos de resposta a 10 días; ou habilitando a prescrición electrónica de IANUS aos facultativos médicos do 061 para a xeración de receita electrónica na atención domiciliaria.

Neste mesmo eido, crearase unha dirección de atención primaria en cada área sanitaria e tamén se creará un órgano unipersoal dentro das estruturas da áreas sanitarias da dirección de enfermería. Ademais, reordenaranse as competencias dos profesionais, de xeito que enfermería e farmacia terán acceso á solicitudes de analíticas de pacientes crónicos.

Con respecto á estabilidade e á desburocratización, entre as actuacións previstas, destacarán: a estruturación das axendas para adaptarse á actividade real dos profesionais e realizar un estudo sobre a redistribución de cargas de traballo. Implantación do TELEA en todos os postos clínicos, e identificación e definición dun mapa coas prazas de difícil cobertura.

En materia de formación e docencia e relación cos pacientes, fixaranse como obxectivos: incrementar o número de centros docentes ou prazas de formación especializadas, solicitando ao Ministerio de Sanidade un incremento do número de prazas MIR para residentes, ata chegar ás 139 en medicina de familia e comunitaria e 27 en pediatría, e ofertar o 100% das prazas acreditadas. “Necesitamos máis médicos e pediatras de Atención Primaria, por iso solicitamos ao Ministerio que nos deixe formar a máis profesionais en Galicia”, valorou. No eido da relación cos pacientes, proporase, entre outras accións, a celebración de reunións periódicas da Comisión Interdepartamental de Coordinación de Atención Sociosanitaria de Galicia.“O plan ten un presuposto concreto, un prazo concreto, unhas accións concretas e uns obxectivos concretos. En total, 102 millóns de euros para cumprir os compromisos da Atención Primaria, distribuídos en 36 M€ en 2019, 39,9 M€ en 2020 e 26,4 M€ en 2021”, concluíu.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre