Inicio Galicia Feijóo avanza o Plan de reactivación asistencial da Atención Primaria que optimizará...

Feijóo avanza o Plan de reactivación asistencial da Atención Primaria que optimizará o funcionamento dos centros e garantirá a seguridade dos profesionais e doentes

0

Afirma que está estruturado en varias fases que se desenvolverán dun xeito progresivo, desde o momento actual ata o mes de xuño


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, o Plan de reactivación asistencial da Atención Primaria que optimizará o funcionamento dos centros de saúde e garantirá a seguridade dos profesionais e dos doentes.

Logo de recordar que a Atención Primaria xogará un papel moi relevante na detección precoz de novos casos e na paulatina volta á normalidade, Feijóo subliñou que esta folla de ruta foi elaborada en colaboración cos diferentes colexios profesionais, sociedades científicas e asociacións do eido sanitario; e foi tamén validada polo Comité Clínico do Servizo Galego de Saúde. En concreto, está estruturada en varias fases que se desenvolverán dun xeito progresivo, desde o momento actual ata o mes de xuño (a fase 1 comprende do 4 ao 17 de maio; a fase 2 do 18 ao 30 de maio; a fase 3 do 1 ao 14 de xuño; e a fase 4 do 15 de xuño en diante).

Entre as medidas principais, o responsable do Executivo galego subliñou que ante unha infección respiratoria aguda, os médicos de familia poderán solicitar a realización das PCR, precisando que ata o de agora xa podían dentro das limitacións do protocolo do Ministerio, pero agora poderán pedir inmediatamente unha PCR e deberá ter resposta nun prazo de entre 24 e 48 horas. Así mesmo, potenciarase a atención telefónica, a citación espallada de pacientes para evitar aglomeracións, o impulso da atención domiciliaria e o teleseguemento, e a limitación no acceso de persoas aos centros de saúde, cuxo aforo, continuará a verse limitado por motivos de seguridade.

No eido da prevención dos riscos laborais, os centros de saúde estarán dotados do material necesario para a protección individual dos traballadores e contarán cunhas Epis proporcionais e axeitadas aos riscos aos que se deban expoñer os profesionais do centro. E darase continuidade ás actividades formativas e informativas dirixidas ao persoal sanitario e non sanitario dos centros, ademais de intensificarse as tarefas de limpeza e desinfección, tanto das estancias como dos equipos de traballo.

Feijóo destacou que se trata dun plan flexible que se irá adaptando ás circunstancias, precisando que, segundo avancen as súas fases, o persoal sanitario irá recuperando as actividades suspendidas polo xurdimento da pandemia.

A cada servizo de atención primaria corresponderalle a reorganización das axendas profesionais en función das necesidades, prestando especial atención aos pacientes máis máis vulnerables.

Para evitar a propagación do coronavirus, cada centro sanitario procurará contar con dous circuítos diferenciados: un destinados aos pacientes covid e outro para o resto de doenzas. Non obstante, se as dimensións dos centros sanitarios non permitisen esta diferenciación, valorarase a posibilidade de atender comarcalmente aos pacientes con sintomatoloxía covid.

Entre outras medidas que achega o plan, inclúense apuntamentos que abordarán dun xeito específico as especialidades sanitarias como son: a atención pediátrica, que manterá un circuíto diferenciado; a atención obstétrica, cuxas consultas prenatais e puerperais serán realizadas preferiblemente de xeito telefónico; as unidades de saúde bucodental, que precisan equipos de protección individual integrais; as unidades de fisioterapia, que recuperarán a súa actividade seguindo criterios de prioridade patolóxica e menor risco de contaxio; as unidades de atención farmacéutica, que mesturarán a atención telefónica e presencial; e as unidades de atención de traballo social sanitario, que se centrarán na detección proactiva de pacientes en situación de risco e exclusión social.

O presidente da Xunta concluíu subliñando que o plan de reactivación asistencial procurará impulsar a detección precoz de novos casos en atención primaria. Así mesmo, e para levalo a cabo, pediu a colaboración dos pacientes e agradeceu o labor do persoal sanitario e non sanitario que traballa nos centros de saúde e nos puntos de atención continuada. Nova adquisición de material para os hospitaisAo longo da súa intervención, o presidente da Xunta referiuse tamén á adquisición de novo material para hospitais por valor de 600.000 euros, entre o que destacou: 8 ventiladores volumétricos, 5.000 pulsioxímetros e 200 camas de hospitalización.

Nesta mesma liña, destacou a aprobación do expediente de contratación da obra para instalar 33 portas automáticas nas UCI e REA do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo cun investimento de 170.000 euros. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre