Inicio Galicia Feijóo avanza a tramitación do Regulamento da Lei da Paisaxe para conservar,...

Feijóo avanza a tramitación do Regulamento da Lei da Paisaxe para conservar, protexer e poñer en valor o patrimonio paisaxístico de Galicia

0

Unha das principais novidades deste documento será o seu ámbito de aplicación xa que abranguerá tamén a zona marítimo-terrestre e as augas interiores

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello o inicio da tramitación do Regulamento da Lei da Paisaxe, unha nova ferramenta para conservar, protexer e poñer en valor o patrimonio paisaxístico de Galicia.

Durante a súa intervención, Feijóo subliñou que unha das principais novidades deste documento será o seu ámbito de aplicación que, lonxe de restrinxirse ao eido territorial, abranguerá tamén a zona marítimo-terrestre e as augas interiores.

Deste xeito, o regulamento establecerá tres documentos de análise para descartar posibles incidencias: os estudos de impacto de integración paisaxística de proxectos suxeitos a avaliación ambiental; os estudos dos instrumentos de ordenación do territorio e o informe de usos e actividades en solo rústico de especial protección paisaxística.

Sobre este punto, Feijóo explicou que, cando se queira facer unha obra ou actuar con intensidade no territorio, pediráselle ao promotor que realice previamente ante o Instituto de Estudos do Territorio unha consulta paisaxística nos procedementos de avaliación de impacto ambiental ordinaria. E, no informe que se emita indicaranse as medidas necesarias para mellorar a integración paisaxística, no caso de ser necesario.

Feijóo explicou que se establecerán medidas preventivas e correctoras para acadar a integración paisaxística daquelas actuacións que teñan especial impacto ou que afecten a áreas de especial protección paisaxística. Algunhas desas medidas serían: a recuperación topográfica de escavacións e a naturalización de noiros; a naturalización de canles abertos de derivación de cursos de auga; a reposición da vexetación afectada; e a integración, conservación, restauración ou traslado –dependendo do caso— de elementos naturais ou culturais. No que respecta a estudios dos diferentes instrumentos de ordenación territorial e urbanística, ditos instrumentos realizarán un estudo de paisaxe no ámbito ao que se refiran. No caso dos instrumentos de planeamento urbanístico, tamén deberán incorporar un capítulo de estudo da paisaxe para preservar nos municipios as zonas de especial interese paisaxístico e concretar as medidas para evitar impactos paisaxísticos intensos.

En relación aos usos e actividades en solo rústico, cómpre resaltar que o regulamento tamén prevé a emisión dun informe preceptivo do Instituto de Estudos do Territorio para as actividades en solo rústico de especial protección paisaxística. “Isto será así agás para obras menores nas que a normativa sectorial non o esixe expresamente; e para os considerados compatibles do Plan de Ordenación do Litoral”, aclarou o presidente da Xunta.

Por último, o novo regulamento promoverá a integración da paisaxe nas políticas territoriais e sectoriais. Deste modo, deberán tomar en consideración para a súa elaboración e execución os valores paisaxísticos e o carácter diferenciado das grandes áreas paisaxísticas de Galicia e dos diferentes tipos de paisaxes co fin de evitar impactos. A nova normativa tamén recollerá a elaboración de estudos para o seguimento do estado das paisaxes, co fin de reunir datos obxectivos precisos para o deseño das políticas públicas, así como a redacción dun informe elaborado polo Instituto de Estudos do Territorio cada 4 anos que se remitirá ao Parlamento de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre