Inicio Galicia Feijóo avanza a reforma da Lei de Saúde de Galicia para contar...

Feijóo avanza a reforma da Lei de Saúde de Galicia para contar cunha normativa "específica" e adaptada para combater a pandemia

0

Anuncia a modificación da lexislación autonómica para xestionar coa “maior seguridade xurídica, certeza e claridade” a crise sanitaria, despois de comprobar que o Goberno central non regulará o control da situación mediante unha lei orgánica

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este xoves a proposta da reforma informe sobre a reforma da Lei de Saúde de Galicia para contar cunha lexislación “específica” para xestionar e loitar contra a pandemia.

Tras a reunión semanal do Goberno galego, Feijóo lembrou que a Xunta vén defendendo “a necesidade de adaptar a normativa sanitaria” para lidar coa emerxencia sanitaria sen ter que recorrer a mecanismos “cun enorme impacto reputacional” como o estado de alarma e o coñecido como toque de queda.“Comprobado, lamentablemente, que o Goberno central non vai regular a través de lei orgánica a xestión da pandemia en España, nós si imos regular, a través da Lei de Saúde de Galicia, un apartado amplo para xestionar coa maior seguridade xurídica, certeza e claridade para todas as administracións públicas e cidadáns galegos”, abundou Feijóo. Así mesmo, precisou que “o responsable e leal é dicir ao Goberno que nos estamos a equivocar como Nación e como país. Cando un se equivoca o que procede é rectificar”.

Nesta situación, Feijóo afirmou que non procede recorrer a un estado de alarma “permanente ou intermitente” como medidas de carácter excepcional, tendo en conta os sete meses cumpridos xa desde a crise sanitaria e a duración prevista da pandemia. Ademais, lamentou a existencia de “19 estados de alarma” arbitrados polas comunidades autónomas en función da situación sanitaria.

Obxectivos e medidasA proposta de modificación da Lei de Saúde ponse en marcha co obxectivo de subsanar carencias como a necesidade de maior concreción nas medidas, a regulación dos requisitos esixibles para a súa adopción polas autoridades, a urxencia dunha maior concreción do réxime sancionador e a precisión dos termos e o alcance da garantías xudiciais. Esta última cuestión foi resolta coa recente modificación da Lei da xurisdición contenciosa administrativa.

Así, o presidente galego explicou que o novo texto recollerá todas as medidas preventivas, medidas de control de enfermos, contactos estreitos ou en risco e posibles infraccións que poden ser adoptadas polas autoridades para protexer a saúde, incluíndo as limitativas de dereitos fundamentais.

Entre as medidas preventivas engádense: limitacións de horario de apertura ou peche de establecementos; medidas de seguridade e hixiene; obriga do uso de máscara; a obriga de subministrar datos á Administración, especialmente a persoas procedentes doutros lugares; ou a prohibición do consumo de bebidas alcohólicas na vía pública.

Nas medidas para o control de enfermos, contactos estreitos ou en risco fíxanse actuacións como: illamento no domicilio ou internamento nos hospitais; sometemento a un tratamento adecuado; corentena dos contactos estreitos; sometemento a test ou cribados; sometemento a vacinación, sempre tendo en conta os riscos; medidas que limiten a circulación e a mobilidade; confinamentos de zonas; e restricións ás agrupacións de persoas.

No tocante ás infraccións, o documento contará cunha completa e exhaustiva enumeración de posibles infraccións, entre as que se inclúen o incumprimento do uso da máscara, a celebración de festas ou incumprir o illamento ou a corentena.

Deste xeito, e segundo a lei, poderán considerarse infraccións leves, graves ou moi graves, con sancións de ata 3.000 euros no caso das leves; e de 3.001 a 60.000 euros nas graves, que poderán chegar aos 600.000 euros no caso das moi graves. Feijóo precisou que a sanción polo uso da máscara tipificarase en 100 euros, aínda que poida ser superior segundo as circunstancias da infracción.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre