Inicio Galicia Feijóo avalía co Comité Clínico a situación da Comunidade, cunha atención especial...

Feijóo avalía co Comité Clínico a situación da Comunidade, cunha atención especial á Mariña e co compromiso de seguir tomando medidas responsables e proporcionais á situación de cada momento

0

Recorda que, “con carácter xeral e con todas as cautelas”, no conxunto de Galicia a situación segue a ser estable, manténdose a tendencia das últimas semanas


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avaliou hoxe co Comité Clínico de expertos a situación sanitaria da Comunidade, cunha atención especial á evolución na Mariña e co compromiso de seguir tomando medidas responsables e proporcionais en cada momento, co único fin de protexer aos cidadáns.“A proporcionalidade obriga a limitar medidas ás zonas afectadas e os criterios obxectivos son os que fixa o Comité Clínico de acordo co Plan de brotes aprobado”, subliñou o titular da Xunta tras a xuntanza, recordando que, “con carácter xeral e con todas as cautelas”, no conxunto de Galicia a situación segue a ser estable, manténdose a tendencia das últimas semanas.

No tocante á evolución na Mariña, onde se localizou un brote que levou a pechar esa comarca o pasado domingo, o responsable do Executivo galego destacou que, desde o punto de vista asistencial, os cadros das 121 persoas afectadas non revisten gravidade e a inmensa maioría -o 95%- están a ser atendidos nos seus domicilios. “Tamén é moi importante que non hai incidencia nun dos puntos máis vulnerables nesta pandemia”, dixo, en alusión ás residencias de maiores.

Diante destas cifras, Feijóo aseverou que a Administración autonómica seguirá vixiando a progresión do brote para actuar en consecuencia con dúas prioridades: protexer a saúde dos veciños e reducir as posibilidades de que este se estenda a outros lugares da provincia ou a comunidades veciñas.

Logo de agradecer a colaboración da Delegación do Goberno e dos alcaldes da comarca, aos que se está a informar diariamente, Feijóo confirmou que, nos vindeiros días, a Xunta continuará coa estratexia de realizar test masivos para localizar e illar os positivos, ademais de facer un seguimento especial aos contactos máis vulnerables.

Nesta liña, precisou que se os datos e a situación epidemiolóxica reflicten unha melloría notable, o Comité clínico e a Consellería de Sanidade valorarán a posibilidade de diminuír o confinamento dos concellos, abrindo unha fase de transición para volver paulatinamente á mesma situación que hai no resto de Galicia. “O Plan de brote distingue tres zonas na comarca -a Mariña occidental, a Mariña oriental e a Mariña central- e o Comité clínico e a Consellería de Sanidade valorarán en función do número de PCR positivas se nos próximos días podemos diminuír o número de concellos confinados”, dixo, subliñando que o 90% dos casos atópanse concentrados en 3 concellos.

Feijóo aproveitou a xuntanza para apelar novamente á responsabilidade individual de todos e cada un dos cidadáns, porque “tranquilidade non pode significar relaxación”. “Todos temos que facernos as mesmas preguntas, todos os días e en todo momento: somos suficientemente precavidos no traballo?, somos coidadosos cando vemos á familia?; recordamos as medidas de prevención cando quedamos cos amigos?”, dixo, incidindo na necesidade de ter presente sempre que cada apertura supón riscos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre