Inicio Galicia Feijóo avalía co alcalde de Santiago os principais proxectos para que a...

Feijóo avalía co alcalde de Santiago os principais proxectos para que a cidade conte con máis e mellores servizos e infraestruturas e para converter o Xacobeo 2021 no mellor celebrado nunca en Galicia

0

O titular da Xunta avanza que este mes de xullo a Xunta presentará formalmente á Comisión do Xacobeo o Plan estratéxico Xacobeo 2021, que conterá as principais actividades que se realizarán


Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avaliou hoxe co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, os principais proxectos para que a cidade conte con máis e mellores servizos e infraestruturas e para converter o Xacobeo 2021 no mellor Xacobeo celebrado nunca en Galicia.

Deste xeito, e en relación ao ano santo, un dos temas centrais da reunión, o responsable autonómico avanzou que este mes de xullo a Xunta presentará formalmente á Comisión do Xacobeo o Plan estratéxico Xacobeo 2021, que conterá as principais actividades que se realizarán.

Sobre este punto, lembrou ademais que o Executivo autonómico leva traballando ano e medio na preparación deste evento. E subliñou que: a reforma da Catedral estará rematada para ese ano; que o festival O Son do Camiño, está consolidado xa na súa segunda edición; que xa se está a acometer a integración paisaxística dos Camiños de Santiago, que renovarán a cara de todas as entradas á cidade; que o novo Centro de Acollida ao Peregrino está funcionando con normalidade; que a mellora das instalacións do Monte do Gozo estanse a finalizar; e que está comprometida a ampliación do Museo do Pobo Galego que estará lista para o 2021.

Por outra banda, e co obxectivo de seguir mellorando os servizos públicos da cidade, Feijóo referiuse nun primeiro termo a un dos proxectos máis inmediatos: a nova residencia de maiores. “Xa temos o proxecto construtivo e imos a investir algo máis de 9 millóns de euros para crear 120 prazas e dar emprego a 75 persoas”, confirmou.

En materia de sanidade, o titular da Xunta incidiu na intención do Goberno galego de facer tamén en Santiago unha actualización completa do complexo sanitario tanto de atención como de formación para deixalo totalmente preparado para as xeracións futuras. Así, informou ao alcalde do estado no que se atopa a futura ampliación e reforma do Hospital Clínico, un proxecto para actuar en máis de 27.000 metros cadrados, e para o que xa se licitou o pasado mes de abril a redacción do proxecto básico.“Igualmente, tamén valoramos a reforma e ampliación integral do centro de saúde de Conxo, cun investimento de 3 millóns de euros e cunha unidade de saúde mental”, precisou, lembrando tamén os proxectos que a Xunta ten en marcha coa Universidade, “e que concretaremos co reitor nas vindeiras semanas”, asegurou, referíndose especialmente á achega da Administración autonómica para a remodelación e actualización das infraestruturas no que se refire a Medicina. No eido da Educación Pública, o presidente do Executivo autonómico confirmou que desde a Xunta seguiranse impulsando melloras, como a ampliación do CEIP Lamas de Abade ou do Politécnico -licitado en abril-, ou a rehabilitación do colexio Raíña Fabiola, que se acometerá este verán.

Por outro lado, e en materia de mobilidade, Feijóo fixo fincapé en que a Xunta está a cumprir os compromisos adquiridos tendo en execución a estación de autobuses e a pasarela, que está xa nun 20 % de execución aproximadamente.“E valoramos ademais a posibilidade de modificar os accesos, para facilitar unha maior accesibilidade á estación intermodal”, dixo, reiterando a disposición da Xunta. Non obstante, insistiu na necesidade de que o Concello teña os accesos unha vez finalizada a estación intermodal, “para que todo funcione de xeito correcto”.

En segundo lugar, o responsable autonómico lembrou que a Xunta trasladou ao Ministerio de Fomento a necesidade de finalizar o estudo que avalía o impacto da futura entrada do AVE no sistema aeroportuario galego. E, en terceiro lugar, Feijóo informou de que no eido do transporte metropolitano, máis de 8.600 mozos dispoñen da Tarxeta Nova, que posibilita que poidan ir nos autobuses interurbanos gratis, trasladando a proposta do Goberno galego de que os alcaldes das cidades estendan a gratuidade do autobús ás liñas urbanas.

En materia de saneamento, Feijóo referiuse á situación da EDAR da Silvouta. “O noso compromiso de financiamento segue en pé e esperamos que os fondos europeos se manteñan, porque senón haberá unha dificultade”, afirmou, transmitindo a súa preocupación.

Sobre a Cidade da Cultura, o titular da Xunta confirmou que estará rematada para a celebración do Xacobeo 2021, coa construción do Edificio Fontán, que se está a executar co cofinanciamento das universidades e do CSIC. “E tamén falamos da Cidade Administrativa en San Caetano”, dixo, resaltando que, unha vez que se rematou a adecuación da fachada, procederase á remodelación interna do actual San Caetano, así como ao impulso de San Caetano II, no espazo onde está a actual estación de autobuses. Ao longo da xuntanza, Feijóo e Sánchez Bugallo fixeron un breve repaso dalgúns aspectos relacionados coa economía e cos sectores estratéxicos da cidade. Así, logo de lembrar que Santiago ten hoxe máis oportunidades para investir, con bonificacións de solo no Polígono da Sionlla, Feijóo saudou a iniciativa do alcalde para facer un convenio fiscal que favoreza o investimento, neste parque, de novos proxectos industriais, así como o interese do Concello por axilizar as licenzas, claves para dar seguridade ás empresas que queiran instalarse. “Temos proxectos para Santiago. Unha vez que está conectada a variante de Aradas cara ao polígono, que temos solo industrial e que temos bonificacións e dereitos de superficie é evidente que nos quedan cousas que facer”, dixo, destacando o compromiso da Xunta cos sectores estratéxicos para a capital de Galicia, como o sector da madeira e o sector biotecnolóxico -reflectido no impulso da aceleradora Bioincubatech e, dentro dos hubs de innovación dixital, no proxecto da man de Bioga, entre outros-.

No eido da innovación, Feijóo e o alcalde de Santiago acordaron seguir traballando xuntos a través do proxecto Smartiago, que contará cunha nova achega da Xunta que se aprobará neste mes de xullo no Consello.

Nesta mesma liña, Feijóo concluíu destacando que a Xunta ten elaborada unha guía para a instalación de fibra no núcleo histórico de Santiago. Unha guía que pode valer para outros núcleos históricos.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre