Inicio Galicia Feijóo asegura que Galicia non permitirá nin un paso atrás na loita...

Feijóo asegura que Galicia non permitirá nin un paso atrás na loita contra a violencia machista e apela ao compromiso de todos neste obxectivo

0

Traslada os parabéns a todo o alumnado e profesorado por participar no concurso escolar 25-N con traballos que ademais da súa calidade gráfica, visual e artística, “educan, inspiran e conciencian”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que Galicia non permitirá nin un paso atrás na loita contra a violencia machista. “En Galicia Non”, aseverou, apelando ao compromiso de todos neste obxectivo.

Durante o acto de entrega de premios do concurso escolar 25-N 2019, Feijóo quixo iniciar a súa intervención trasladando os parabéns a todo o alumnado e profesorado por participar neste certame con traballos que, ademais da súa calidade gráfica, visual e artística, “educan, inspiran e conciencian”. “Uns traballos que están cheos de sentimento e de realidades e que, sobre todo, acreditan que sodes activos nesta loita para acabar cun disparate como é a violencia de xénero”, precisou.“Grazas por uns traballos cheos de sentimento, coñecemento e de ganas de cambio. Brais, Ángel, Urhoma, Emma, José Antonio, Sira, Carmen, Daniel, Irene, toda a clase de 2º de ESO do IES Vilaonga e ás tres Anas premiadas. Representades á xeración máis concienciada de toda Galicia, o futuro do noso país. E estou convencido de que seredes a xeración que conseguirá o que non fomos capaces de conseguir nós: que a violencia machista sexa unha nota necrolóxica do pasado da historia de Galicia e de España”, abundou.

Feijóo aproveitou o acto para dirixirse aos nenos, rapaces e homes, “porque temos que parar isto, e témolo que facer de forma consciente e entre todos”. “Temos que traballar sen medo contra a violencia machista”, dixo, insistindo en que “hai que deixar que os nenos e as nenas sexan o que realmente queiran ser, sen ningún prexuízo e sen ningún estereotipo”.

E, dirixiuse tamén ás nenas, rapazas e mulleres, para recoñecer o esforzo e valentía “coa que loitades para parar o disparate machista e acadar o que sempre debeu ser voso, que non é outra cousa que a vosa liberdade”, sentenciou.

Nesta liña, o responsable do Goberno galego subliñou que, pola súa banda, a Xunta está a desenvolver o 100% das medidas previstas para este ano dentro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e co obxectivo de levar a cabo o ano que vén, entre outras iniciativas: un Plan estratéxico que avance cara a plena coordinación entre as diferentes administracións públicas, así como a posta en marcha de novos centros de acollemento.

Así mesmo, lembrou que en 2016, o Executivo galego presentou o Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de entidade de xénero, e puxo en marcha o I Plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia. Ademais, nese mesmo ano, Galicia converteuse na segunda comunidade en incluír no currículo educativo unha materia de libre configuración autonómica sobre igualdade, Igualdade de xénero, destinada a 1º e 2º de ESO; e, para dar continuidade a esta materia en Bacharelato, en 2018, presentouse Coeducación para o século XXI e púxose en marcha para 1º e 2º de ESO Sociedade inclusiva.

Por outra banda, e no ámbito da Formación Profesional, apostouse en 2017 por ofertar, por primeira vez, o Ciclo Superior de Promoción de Igualdade de Xénero.“En definitiva, a igualdade en si está presente de forma transversal en todos os niveis educativos”, constatou, referíndose tamén ás iniciativas encamiñadas a ofrecer unha constante formación ao profesorado.

Ao respecto, lembrou que o Plan anual de formación do profesorado conta cun apartado específico dedicado á igualdade e, o ano pasado, lanzouse un novo Plan específico en formación en igualdade, ademais de impartirse formacións para aumentar os contidos relacionados coa igualdade. “E a comezos deste ano asinamos tamén un convenio no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de xénero para impulsar novas accións no ámbito educativo”, engadiu.“En Galicia só temos un NON por resposta fronte á violencia machista. E non permitimos que fronte a esta loita non se queira tomar parte. É tarefa de todos. Fronte á violencia de xénero só cabe unha resposta, sen titubeos, sen dúbidas e sen matices. A reposta é NON”, concluíu, incidindo en que este é un dos maiores retos da nosa sociedade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre