Inicio Galicia Feijóo anuncia a aprobación este mes de novembro da nova licitación do...

Feijóo anuncia a aprobación este mes de novembro da nova licitación do Gran Montecelo que se elevará a 130 millóns de euros

0
image_gallery.jpg

Destaca que, deste xeito, a nova licitación incrementará en 15 millóns de euros o investimento do novo edificio, que se construirá nesta primeira fase


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que a Xunta aprobará neste mes de novembro a nova licitación do Gran Montecelo, que se elevará a 130 millóns de euros.

Tras unha reunión co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, Feijóo destacou que, deste xeito, a nova licitación incrementará en 15 millóns de euros o investimento do novo edificio, que se construirá nesta primeira fase, á que se destinará o orzamento total de 130 millóns.

Deste xeito, no novo edificio centralizaranse os servizos máis complexos e nas instalacións actuais prestarase a atención ambulatoria. “Estamos a falar dun antes e un despois para a asistencia hospitalaria”, dixo, subliñando que o Gran Montecelo suporá novos servizos e que a maioría das habitacións sexan individuais.

O titular da Xunta afirmou que o Goberno galego seguirá traballando no eido sanitario, tanto na atención hospitalaria, como nos centros de atención primaria, así como cos concellos na loita contra a pandemia.

No eido social, ambos avaliaron a construción da nova residencia de maiores. “Concretamos que se vai acelerar a cesión da nova parcela para poder comezar a obra e reintegraremos ao Concello a primeira parcela cedida”, dixo, incidindo en que esta infraestrutura, que se construirá co apoio da Fundación Amancio Ortega, cun investimento 12 millóns e 120 prazas, estase a tramitar conforme aos prazos previstos.

Xa no capítulo das infraestruturas, e sobre a intermodal, Feijóo confirmou que, se ben as obras tiveron un retraso por mor da covid, dentro do primeiro semestre do ano 2021 a estación intermodal será unha realidade.

Tamén no eido da mobilidade, o presidente da Xunta destacou os avances co Concello para empregar o transporte interurbano e convertelo en urbano cando pase polo termo municipal, a través do cofinanciamento. Unha decisión que beneficiará aos usuarios.

No que respecta ao saneamento da ría, o titular do Goberno galego destacou que a Xunta leva investidos desde 2009 case 50 millóns de euros. “E, neste momento, estamos a levar a cabo as obras de mellora na EDAR de Praceres”, dixo, referíndose tamén á construción dun novo emisario submarino, pendente do expediente, así como á construción dun colector EBAR en Cocheras.

Sobre o dragado do Lérez, o presidente confirmou que o calendario previsto é que as obras comecen a finais de 2022. “Estamos a falar da dragaxe máis importante que fará a Comunidade. Seguimos cumprindo os trámites de Costas, elaborando estudos ambientais, tramitación ambiental, redacción de proxectos, licitación das obras. En definitiva, 3 millóns de euros para retirar 330.000 metros cúbicos de áridos”, explicou.

Sobre o pavillón de ximnasia da Parda, o responsable do Executivo galego reiterou o compromiso con esta obra e incidiu en que a Administración autonómica está á disposición do Concello.

Por último, Feijóo concluíu destacando o compromiso do Goberno galego coa variante de Alba, facendo fincapé na necesidade de planificar entre o Concello e a Xunta a definición do trazado que menos prexudique aos veciños.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre