Inicio Galicia Feijóo anuncia a aprobación do rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas...

Feijóo anuncia a aprobación do rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas que permitirá mellorar a conservación e posta en valor de especies como o carballo e o castiñeiro

0

A extensión actual das masas de frondosas autóctonas na comunidade é de preto de 415.000 hectáreas, o que supón algo máis do 20% do territorio forestal galego


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a aprobación no Consello de mañá xoves do decreto polo que se crea e regula o rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas, que permitirá mellorar a conservación e posta en valor destas masas, formadas por especies de gran interese como carballos, castiñeiros, cerquiños e bidueiros, como recurso económico, social e ambiental de Galicia.

Entre os beneficios que suporá o rexistro destas masas para os seus titulares, cómpre salientar o feito de que, ademais de vantaxes e incentivos fiscais, terán prioridade na concesión de axudas públicas, especialmente para dotarse dun instrumento de ordenación ou xestión forestal que regule os seus aproveitamentos dunha forma sustentable.

O decreto supón un importante desenvolvemento da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e responde tamén ao establecido polo ditame da Comisión forestal do Parlamento galego. Non en van, a extensión actual das masas de frondosas autóctonas na nosa comunidade é de preto de 415.000 hectáreas, o que supón algo máis do 20% do territorio forestal galego, de aí a necesidade e a importancia de contar con esta ferramenta.

Neste rexistro, quedarán inscritas aquelas masas cunha superficie en couto redondo de polo menos 15 hectáreas e cunha idade media de polo menos vinte anos. E admitirase a presenza doutras especies arbóreas sempre que non representen máis do 25% do número de pés maiores -aqueles cun diámetro igual ou superior a 7,5 centímetros-.

Así mesmo, favorecerase tamén a súa xestión forestal activa, mediante actuacións de mellora e aproveitamento continuadas, seguindo os modelos silvícolas que sexan de aplicación ás especies principais que compoñan as súas masas. Ademais, de promoverse a súa xestión mediante sociedades de fomento forestal (Sofor) ou por medio de calquera outro tipo de asociación ou agrupación prevista na lexislación vixente.

A inscrición das masas neste rexistro poderá facerse a instancia de parte ou de oficio. No primeiro caso, a solicitude poderá realizarse por calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, incluíndo montes veciñais en man común, que sexan propietarias ou titulares dun dereito de uso sobre máis do 50% da súa superficie.

A incorporación de oficio será para as masas que formen parte de bosques de ribeira, que estean situadas en áreas declaradas de protección dentro dun plan de ordenación de recursos naturais ou forestais ou aquelas que contribúan, de maneira especial, á conservación da diversidade biolóxica. Tamén serán inscritas de oficio as masas localizadas en terreos forestais incluídos nas redes de faixas de xestión da biomasa consonte á lexislación en materia de prevención e defensa contra incendios forestais.

Compromiso cunha Galicia máis verdeDurante a súa intervención no Pleno da Cámara, Feijóo galego reeditou o compromiso da Xunta co obxectivo de construír unha Galicia máis verde confirmando a aprobación, este mes de decembro, de dúas novas leis: a Lei de Ordenación do Territorio e a Lei de residuos.“Vamos a seguir traballando, con leis, con resolucións, con decretos e con plans”, dixo, aseverando que o patrimonio natural e a calidade ambiental seguirán a formar parte da axenda do Goberno galego.

Ao fío disto, o presidente do Executivo autonómico incidiu en que a protección ambiental e o desenvolvemento industrial “non son, nin deben ser conceptos excluíntes”. E recordou que Galicia é a terceira comunidade cunha Estratexia de Economía Circular, ademais de contar cunha Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 e reducir un 5% as emisións de CO2, mentres España as incrementa.

Nesta mesma liña, destacou que o 12% do territorio da Comunidade forma parte da rede de espazos protexidos; “e aprobamos a Lei de patrimonio natural, o plan director de ríos, o plan director da rede natura e o plan de usos e xestión do Parque Illas Atlánticas, ademais dos restantes ou o decreto polo que se crea a rede de reservas da biosfera de Galicia”, engadiu, referíndose tamén, en materia de calidade ambiental, á aprobación do plan de xestión de residuos urbanos, do plan de residuos industriais, á eliminación dos vertedoiros incontrolados ou ao incremento da capacidade de reciclaxe de Sogama nun 81%.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre