Inicio Galicia Feijóo afirma que Galicia seguirá sustentando o seu compromiso coa discapacidade en...

Feijóo afirma que Galicia seguirá sustentando o seu compromiso coa discapacidade en feitos e con máis fondos ca nunca: 115 M? en 2020 para facer fronte ás súas necesidades e de cara á plena inclusión

0

Afirma que a Xunta seguirá apoiando ás entidades; reforzando a rede galega de atención temperá, e contando cos fondos necesarios para levar á práctica o primeiro Decreto de concerto social de Galicia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que Galicia seguirá sustentando o seu compromiso coa discapacidade en feitos e con máis fondos ca nunca: 115 millóns de euros en 2020, para facer fronte ás necesidades das persoas con discapacidade e as súas familias e de cara á plena inclusión.“Estamos a falar dun 77% máis do que investía o Executivo autonómico en discapacidade no ano 2009”, recordou, afirmando que a Xunta seguirá apoiando ás entidades, para que poidan prestar cada vez mellor o seu labor imprescindible; reforzando a rede galega de atención temperá, cuxo orzamento se incrementa en máis dun 45% no vindeiro ano; e contando cos fondos necesarios para levar á práctica o primeiro Decreto de concerto social de Galicia que permitirá axilizar e flexibilizar a creación de recursos públicos alá onde se necesiten, ademais de outorgar prioridade ás entidades sociais nos ámbitos onde teñen unha traxectoria que as avala.

Así mesmo, salientou que a Comunidade é unha das autonomías que máis aposta polas prestacións públicas de asistente persoal, ás que destina unha contía récord de ata 1.700 euros ao mes; incrementou un 25% máis nos últimos dez anos o número de prazas públicas de atención á discapacidade, ata chegar ás 5.400; e puxo en marcha o plan de rescate ás federacións de discapacidade, dotado con 3,6 millóns, para axudar a afrontar o impacto do novo convenio colectivo e para evitar máis de 400 despidos.“E investimos 40 millóns de euros cada ano en emprego inclusivo”, engadiu, referíndose tamén ás dúas primeiras oposicións específicas de acceso á Administración para persoas con discapacidade intelectual e á primeira convocatoria do Sergas con 30 prazas de celador.

Durante o acto de apertura da nova residencia de Aspronaga, Martín Pou, en Oleiros, Feijóo aseverou que esta nova infraestrutura pon a disposición 15 novas prazas financiadas ao 100% pola Xunta. E agradeceu a implicación da Fundación Amancio Ortega que destinou 1,5 millóns para a construción deste edificio, que combina comodidade, modernidade e funcionalidade, así como o labor de Aspronaga, unha das maiores entidades de atención á discapacidade intelectual da comunidade, e das 70 persoas voluntarias que colaboran coa entidade.

O presidente do Executivo galego salientou que esta asociación, que presta servizo a máis de 300 persoas, foron pioneiros en moitos sentidos: en ser a primeira entidade deste ámbito inscrita no Rexistro de Asociación de toda Galicia; en apostar pola educación especial, axeitada ás características de cada un, coa apertura hai 55 anos do colexio Nosa Señora de Lourdes; e en ofrecer ás persoas con discapacidade alternativas de lecer e formación para desenvolverse profesionalmente.

Feijóo concluíu resaltando o inmenso traballo que desenvolven as entidades de atención á discapacidade para loitar contra a sobreprotección e a condescendencia, e para loitar contra o desleixo e a despreocupación, xa que moitas persoas con discapacidade teñen necesidades específicas de apoio ás que é necesario facer fronte. E incidiu na importancia de seguir sumando os compromisos da sociedade civil e das Administracións públicas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre