Inicio Galicia Feijóo afirma que Galicia seguirá impulsando o talento e a formación como...

Feijóo afirma que Galicia seguirá impulsando o talento e a formación como base para converter a tecnoloxía nunha oportunidade de futuro

0

Incide na necesidade de crear as condicións adecuadas para que a tecnoloxía non xere entre os cidadáns incertezas senón futuro 


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que Galicia seguirá impulsando o talento e a formación como base para converter a tecnoloxía nunha oportunidade de futuro.

Durante o acto de clausura da Xornada de conferencias estratéxicas do Talentia Summit 2019, Feijóo aseverou que para acadar este obxectivo, a Comunidade conta cunha escola pública cunha estratexia STEM, con plans plurilingües para todos os niveis educativos, cunha formación profesional dual e cun mapa de titulacións que adapta o traballo das universidades ao que a sociedade demanda.

Así mesmo, destacou a posta en marcha de iniciativas como o Programa Talento 2021, cuxo obxectivo é xerar, reter e atraer a Galicia a 1.500 profesionais de I+D+i. E lembrou que, no eido da sanidade, a nosa terra conta con tres institutos de investigación –cunha mención especial ao IDIS, en Santiago-, con máis de 2.200 profesionais.

Logo de recordar que máis de 7.000 empresas beneficiáronse xa do obxectivo encamiñado a acadar a dixitalización do tecido produtivo galego, o titular da Xunta referiuse tamén ao lanzamento, desde a cidade de Lugo, esta mesma mañá do proxecto Newton, que permitirá a máis de medio millar de estudantes da provincia alimentar a súa vocación tecnolóxica.

Feijóo aseverou que Galicia non quere perder o tren e por iso somos ademais unha das comunidades nas que se está desenvolvendo a tecnoloxía 5G de forma pioneira. E incidiu na necesidade de crear as condicións adecuadas para que a tecnoloxía non xere entre os cidadáns incertezas senón futuro.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre