Inicio Galicia Feijóo acada o compromiso de reavaliar as probas técnicas para buscar unha...

Feijóo acada o compromiso de reavaliar as probas técnicas para buscar unha solución viable, ambiental e economicamente, que garanta a actividade na central térmica das Pontes

0

“A postura de Galicia é clara, non plantexamos ningunha outra posición que non sexa a reactivación da central, porque é necesario para a Comunidade, para España e para as 750 familias que non poden de forma abrupta quedarse sen traballo”, sentencia, baixo o obxectivo de, a principios de ano, manter unha nova xuntanza

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acadou hoxe o compromiso de reavaliar as probas técnicas para buscar unha solución viable, ambiental e economicamente, que garanta a actividade na central térmica das Pontes.“Acordamos reavaliar as probas técnicas que se fixeron nas últimas semanas, mirar a capacidade de subministro de toneladas de lodos, ou doutros combustibles, para que se poidan substituír por unha porcentaxe de carbón e botar contas desde o punto de vista de emisións; todo isto para que esta central poida reactivarse e manter unha actividade enerxética. Este é o compromiso que, neste momento, hai por parte de Endesa, do Ministerio de Transición Ecolóxica, da Deputación da Coruña, do alcalde das Pontes e da Xunta”, confirmou, baixo o obxectivo de, a principios de ano, manter unha nova xuntanza.

Durante a reunión esta mañá coa ministra de Transición Ecolóxica en funcións, Teresa Ribera, na que tamén estiveron o conselleiro de Economía, Francisco Conde, o alcalde das Pontes e os representantes de Endesa, Feijóo trasladou a posición común de Galicia, demandando que se garanta a continuidade da actividade da das Pontes, mentres se buscan solucións alternativas viables de cara ao futuro.“A postura de Galicia é clara, non plantexamos ningunha outra posición que non sexa a reactivación da central, porque é necesario para a Comunidade, para España e para as 750 familias que non poden de forma abrupta quedarse sen traballo”, sentenciou, facendo fincapé na necesidade de buscar alternativas para substituír o carbón paulatinamente por outro tipo de combustible.

Sobre este punto, o presidente da Xunta recoñeceu que custa entender que en España se pechen todas as centrais térmicas, cando en Europa están activas máis de 140 e, de todas as térmicas de España, a das Pontes é a que está preparada, cun investimento superior a 200 millóns, para cumprir coa normativa europea.“Consideramos que sería moi arriscado que esta central pechara dun día para outro, porque As Pontes é a gran batería enerxética de España”, concluíu, o presidente da Xunta.

Pola súa banda, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, aproveitou o encontro para agradecer ao presidente da Xunta e ao Goberno galego o compromiso desde o primeiro momento coa comarca e os traballadores, e de non conformarse co peche.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre