Inicio Galicia Facenda reforza con 52 funcionarios o servizo de atención ao contribuínte na...

Facenda reforza con 52 funcionarios o servizo de atención ao contribuínte na campaña da renda, dous máis que o ano pasado

0

A Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) destina 246.000 euros para facilitar que os contribuíntes galegos reciban axuda e asesoramento para facer a declaración do IRPF correspondente ao exercicio 2018


A Consellería de Facenda, a través da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), reforza con 52 funcionarios o servizo de atención aos contribuíntes galegos durante a Campaña da Renda 2018, dous máis que o ano pasado. A estes traballadores hai que sumarlle outros seis funcionarios da Xunta de Galicia que están a desempeñar labores de coordinación.

Sobre a base da experiencia adquirida en campañas anteriores, a ATRIGA está a colaborar coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) no desenvolvemento da Campaña da Renda 2018, e este ano destina un total de 246.000 euros ás plataformas mixtas de apoio ao contribuínte. A través destas plataformas, situadas en dependencias da AEAT nas sete grandes cidades galegas, os contribuíntes reciben axuda e asesoramento para facer a declaración do IRPF e a súa presentación.

Esta campaña de reforzo comezou o pasado 14 de maio e estará operativa ata o vindeiro 1 de xullo. Todos aqueles contribuíntes que desexen acceder a este servizo teñen que solicitar a cita previa por teléfono ou por internet na web da AEAT. O prazo para pedila remata o vindeiro día 28 de xuño.

No último exercicio, durante a Campaña da Renda 2017, o persoal aportado pola ATRIGA ás plataformas mixtas de atención ao contribuínte permitiu atender 45.273 citas no proceso de elaboración e presentación da declaración do IRPF. Delas, o maior número correspondeu á plataforma conxunta de Vigo, con 13.484; seguida de Pontevedra, con 7.424; Santiago, con 5.849; Ourense, con 5.614; Lugo, con 4.778; A Coruña, con 4.604; e Ferrol, con 3.520 citas atendidas.

Deses 52 contratados para reforzar o servizo de atención aos contribuíntes na Campaña da Renda 2018 -que atenden outros tantos postos nas plataformas mixtas-, 13 corresponden á cidade de Vigo; nove, á de Pontevedra; seis, á de Santiago; así como outros seis ás da Coruña, Ourense, Ferrol e Lugo.

Novidades fiscaisNo que se refire ao IRPF, introdúcense nesta ocasión diversas novidades aprobadas na Lei de medidas para o 2018, como son a dedución da cota íntegra autonómica do 15% das cantidades investidas na rehabilitación de bens inmobles situados en centros históricos, cun límite de 9.000 euros; a dedución na cota íntegra do imposto sobre a renda das persoas físicas do 20% (cun límite conxunto de 20.000 euros) das cantidades investidas durante o exercicio na adquisición de capital social como consecuencia dos acordos de constitución de sociedades ou de ampliación de capital en empresas agrarias e sociedades cooperativas agrarias ou de explotación comunitaria da terra.

Completan as novidades neste apartado a dedución de cota íntegra autonómica por determinadas subvencións e/ou axudas obtidas a consecuencia dos danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017; e as deducións de cota íntegra autonómica para paliar os danos causados pola explosión de material pirotécnico que tivo lugar en Tui.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre