Inicio Galicia Fabiola García volverá reclamar ao Goberno central que poña en marcha a...

Fabiola García volverá reclamar ao Goberno central que poña en marcha a zona residencial do Cegadi

0

Esixirá tamén que se cumpran os outros dous compromisos asumidos en 2017 polo Executivo central: un centro de axudas técnicas e unha transferencia de 500.000 euros para o Cegadi


A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou que volverá a reclamar ao Goberno central que poña en marcha a área residencial do Centro Galego de Desenvolvemento Integral para Persoas con Discapacidade (Cegadi). A conselleira indicou que enviará de novo unha carta á ministra de Sanidade para que se materialice o acordo firmado en abril de 2017. Fíxoo esta mañá durante a súa visita á zona de rehabilitación desta instalación na que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) desenvolve desde o mes de maio un proxecto innovador, que conta con financiación da Xunta de Galicia.

Fabiola García recordou que o Goberno galego asinou co Imserso, dependente do Executivo central, un convenio no que este se comprometía a poñer en marcha unha residencia para persoas con discapacidade nestas instalacións. A día de hoxe, este compromiso segue sen cumprirse. Así mesmo, explicou que os Presupuestos Generales del Estado do 2018, aínda en vigor, contemplan un investimento de medio millón de euros destinado exclusivamente ao Cegadi, que aínda non se fixo efectivo.

A conselleira de Política Social destacou que unha das primeiras accións como conselleira foi escribir unha carta á ministra de Sanidade para esixirlle que se materializase este acordo. Un ano despois segue sen haber resposta, por iso asegura que lle volverá a enviar un escrito para reiterar a petición.

Nesta liña, Fabiola García salientou que as familias de Santiago levan meses esixindo que se poña en marcha esta área residencial e afirmou que se trata dunha esixencia xusta, por esta razón reclama a implicación do Goberno central nos seus compromisos que tamén recollían a apertura dunha delegación do Centro de referencia estatal de autonomía persoal e axudas técnicas (Ceapat).

Proxecto innovadorA área de rehabilitación do Cegadi está a acoller un proxecto innovador no que a Xunta de Galicia inviste 1,7 millóns de euros. Esta zona conta con equipamento de primeiro nivel e ofrece servizos como unidades terapéuticas, fisioterapia e rehabilitación, terapia ocupacional, psicomotricidade, estimulación sensorial ou logopedia.

Na actualidade, a maioría dos usuarios que se están a beneficiar deste proxecto que aposta por un plan integral de actuación desde as idades máis temperás son rapazas e rapaces en idades de desenvolvemento. O equipo de profesionais que traballan no Cegadi recollerá e avaliará os resultados destas intervencións ao longo de catro anos co obxectivo de seguir a avanzar nas diferentes medidas que se poñen en marcha para mellorar a vida das persoas con discapacidade e das súas familias.

Este estudo non só se realiza nestas instalacións, senón que os técnicos tamén se achegan á contorna do usuario para ver e coñecer o seu día a día. Este aspecto é clave para que os usuarios gañen autonomía.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre