Inicio Galicia Fabiola García salienta a importancia da formación para avanzar na integración sociolaboral...

Fabiola García salienta a importancia da formación para avanzar na integración sociolaboral das persoas con discapacidade

0

Investiuse un millón de euros en financiar 27 proxectos de 16 entidades galegas dos que se beneficiaron 750 persoas, tres veces máis ao respecto da primeira convocatoria

A conselleira de Política Social, Fabiola García, valorou o esforzo, ilusión e gañas de aprender das persoas participantes nos 27 proxectos de formación prelaboral desenvolvidos ao longo deste curso 2018-2019 por 16 entidades galegas de atención á discapacidade. O Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia acolleu esta mañá a entrega de diplomas e clausura destas accións formativas ás que a Xunta destinou un millón de euros e das que se beneficiaron 750 persoas.

A conselleira fixo fincapé no éxito desta iniciativa de formación prelaboral, que nesta terceira convocatoria multiplicou por dous o número de entidades implicadas con respecto á primeira edición, ao pasar de 9 a 16. Un incremento que tamén se reflicte na cantidade de accións formativas levadas a cabo: 27 neste curso fronte aos 11 da primeira edición; e no número de persoas participantes, que pasou dos 265 de entón ás 750 actuais.

Fabiola García destacou a importancia deste programa para a mellora da empregabilidade e adquisición de habilidades do alumnado, o que permite avanzar no obxectivo dunha Galicia máis acolledora e inclusiva na que todas as persoas poidan demostrar a valía que teñen en igualdade de oportunidades. Neste sentido, avogou pola coordinación e colaboración de Administracións públicas, entidades e empresas para traballar en favor da plena inclusión e da mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade e as súas familias.

As entidades que desenvolveron actividades formativas neste curso foron: Habilitas, Acoprós, Down Galicia, Amicos, a Federación de asociacións de familiares e persoas con enfermidade mental (Feafes), Cogami, a Asociación de persoas con discapacidade dos vales de Ulla-Umia (Asdivalu), Andaina, a Federación de persoas xordas de Galicia (Faxpg), ASCM Ferrol, Fademga, Itínera, Acción Laboral, Bata, Ardai e Xaruma. Os cursos que levaron a cabo abordaron, entre outras temáticas: a preparación de oposicións autonómica e estatal para persoas con discapacidade intelectual, alfabetización e formación básica, formación no sector da hostalería, formación en competencias para o emprego, deseño de itinerarios personalizados, habilidades para a vida autónoma ou educador ambiental. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre