Inicio Galicia Fabiola García recalcou o descenso nun 40% da porcentaxe de galegas e...

Fabiola García recalcou o descenso nun 40% da porcentaxe de galegas e galegos en situación de carencia material severa

0

Referiuse ao marcado compromiso social do Goberno autonómico, con feitos concretos como o incremento da contía media da Risga, o novo Plan de atención a persoas sen fogar, o reforzo do Plan Concertado ou o cumprimento da Axenda Social Única


A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou esta tarde, durante unha resposta parlamentaria, o retroceso da incidencia da pobreza en Galicia, que se corrobora no descenso nun 40% da porcentaxe de persoas que teñen carencia material severa, ao pasar dun 4,1% a un 2,4% no último ano. Desta maneira, defendeu o traballo da Xunta por garantir que todas as galegas e galegos teñan cubertas as súas necesidades básicas e poidan desenvolver unha vida plena.

Fabiola García apuntou varios datos que poñen de manifesto a mellora da situación económica, entre outros: a caída nun 10% das solicitudes de Risga, o feito de que hoxe a taxa Arope é catro puntos inferior á media nacional e a máis baixa dos últimos cinco anos, e que o ingreso medio dos fogares galegos aumentó un 3,6%.

Tamén insistiu no marcado compromiso social do Executivo autonómico, con feitos concretos como o desenvolvemento do decreto da Lei de Inclusión, a elaboración do Plan de atención a persoas sen fogar, o cumprimento da Axenda Social Única ou o reforzo do Plan Concertado para mellorar os servizos sociais de proximidade.

Pese a estes avances en favor da inclusión das familias con menos recursos, a conselleira sinalou que o goberno “non baixa a garda” e “pon todo o seu empeño en mellorar a situación de cada un das galegas e galegos”. De aí, a implantación de novas medidas como o aumento da contía media da Risga de 450 a 550 euros, a nova ampliación en preto de 250.000 euros do orzamento do Plan Concertado para mellorar a atención sociocomunitaria en 25 municipios ou a revisión e actualización das medidas recollidas na Axenda Social a través do diálogo cos concellos e as entidades.

Así mesmo, destacou o crecemento en máis dun 13% dos fondos destinados ás oficinas comarcais de inclusión sociolaboral, a subida nun 11% as axudas ás entidades sociais ou o aumento nun 62% a partida económica para centros de inclusión. En suma, a Xunta inviste na actualidade en políticas activas de inclusión 119 millóns de euros, un 70% máis do que se destinaba a loitar contra a pobreza e a desigualdade hai dez anos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre