Inicio Galicia Fabiola García reafirma o compromiso da Xunta cun rural vivo, dinámico e...

Fabiola García reafirma o compromiso da Xunta cun rural vivo, dinámico e que coide dos seus maiores

0

Destaca que as Casas do Maior facilitan a atención profesional e personalizada a maiores de 60 anos dependentes e tamén a conciliación

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou esta mañá que as Casas do Maior e as Casas Niño mostran a aposta do Goberno galego por “un rural vivo, dinámico e que coide tanto dos seus maiores como dos seus pequenos”. Díxoo durante a visita á Casa do Maior de Arbo, de recente apertura e na que reciben unha atención personalizada e profesional cinco persoas maiores do municipio.

Fabiola García subliñou que estes recursos permiten que as persoas de máis idade estean ben acompañadas e reciban a atención que necesitan preto das súas casas e parroquias, tal e como prefiren. Tamén fixo fincapé na importancia que teñen para que os familiares poidan conciliar o coidado dos seus maiores coa vida persoal e laboral.

A conselleira afirmou que a Xunta seguirá a promover a creación de Casas do Maior de cara ao vindeiro ano. De feito, o compromiso é que Galicia conte en 2020 con 60 servizos deste tipo, o dobre dos aprobados na actualidade. O obxectivo é garantir que as galegas e galegos poidan elixir libremente como e onde facerse maiores, con alternativas como estas casas que fan posible que o feito de ser dependente non implique que teñan que deixar as súas parroquias.

As Casas do Maior seguen a filosofía das Casas Niño, pero adaptadas ás persoas de máis de 60 anos en situación de dependencia moderada ou severa (graos I e II). Funcionan como pequenos centros de día en concellos de menos de 5000 habitantes e son gratuítos para as persoas usuarias, que incluso teñen a opción de escoller o horario no que asisten, ata un máximo de 8 horas de luns a venres.

A Xunta destinou á creación dunha trintena de Casas do Maior como esta de Arbo máis dun millón de euros. Deste investimento, 400.000 euros dirixíronse a adecuar os inmobles ao novo servizo e os 600.000 euros restantes a financiar o desenvolvemento da actividade. A Administración autonómica traballa nunha nova convocatoria de axudas que permitirá a posta en marcha doutros 30 equipamentos deste tipo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre