Inicio Galicia Fabiola García destaca que o número de prazas públicas nas escolas infantís...

Fabiola García destaca que o número de prazas públicas nas escolas infantís de iniciativa social se incrementa un 5% no vindeiro curso

0

Subliñou que se destinan 3,4 millóns de euros en ofertar ás familias 2.849 prazas de 0 a 3 anos en 49 centros das catro provincias galegas

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou o incremento dun 5% no número de prazas públicas nas escolas de iniciativa social para o vindeiro curso. Fíxoo na visita que realizou esta mañá ao centro Cativos emprazado no barrio compostelán do Restollal e que atende a 41 nenas e nenos.

Fabiola García recordou que acaba de publicarse a orde de axudas para escolas de iniciativa social, que conta este ano cun orzamento de 3,4 millóns de euros, isto é, un 10% máis que o ano pasado. Este financiamento leva a poñer á disposición das familias galegas 2.850 prazas públicas distribuídas en 49 escolas de iniciativa social de toda Galicia, que complementan as prazas que ofrecen os centros de titularidade da Xunta de Galicia e as demais escolas infantís con prazas públicas.

Así mesmo, a conselleira indicou que a escola infantil Cativos recibe este ano máis de 60.000 euros para garantir unha atención de calidade aos seus usuarios. Este importe, recordou, aumentou 8.000 euros con respecto á contía do ano pasado.

Fabiola García fixo fincapé no esforzo da Xunta de Galicia para que cada día haxa máis recursos de conciliación para as familias galegas. Por iso, ademais de pór en valor esta orde que vén de publicarse, tamén resaltou outras medidas postas en marcha para conseguir este obxectivo: a Tarxeta Benvida, o Bono Coidado ou o Bono Concilia, que a semana pasada abriu a convocatoria para que as nais e pais poidan realizar a súa solicitude. Nesta liña, salientou que ao final desta lexislatura estarán en marcha 76 Casas Niño no rural galego para achegar unha atención de calidade a todos o concellos da comunidade.

A conselleira de Política Social recordou que a comunidade galega conta xa con máis de 25.000 prazas públicas de atención á infancia de 0-3 anos, o que eleva a ratio de cobertura ao 44%, 11 puntos por encima da recomendada pola Unión Europea.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre