Inicio Galicia Fabiola García destaca o compromiso da Xunta para que os galegos ?poidan...

Fabiola García destaca o compromiso da Xunta para que os galegos ?poidan facerse maiores ben acompañados, ben arroupados e ben coidados?

0

Enxalzou a hospitalidade e solidariedade da sociedade galega, que se plasma en iniciativas como esta coa que se procura que ningún maior se vexa obrigado a sufrir os efectos da soidade

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou hoxe o compromiso da Xunta co obxectivo de que “as galegas e galegos poidan facerse maiores ben acompañados, ben arroupados e ben coidados”, durante a cea solidaria Na túa mesa un máis para concienciar sobre a situación das persoas maiores que viven soas. Este acto forma parte da campaña de nadal Maiores en compañía impulsada entre outras entidades e organizacións por Acolle, Mensaxeiros da Paz, a Confederación Nacional de Xubilados e Pensionistas de España, Maiores Telefónica e a propia Xunta.

Durante a súa intervención, Fabiola García enxalzou a hospitalidade e solidariedade da sociedade galega, que se pon de manifesto en iniciativas como esta coa que se procura que ningún maior de Galicia se vexa obrigado a sufrir os efectos da soidade. Para iso, os centros xestionados por estas organizacións abrirán as súas portas a estas persoas nas ceas de noiteboa e fin de ano, e nas comidas de nadal e aninovo.

Ademais, a conselleira destacou o traballo da Xunta para garantir a atención e benestar dos maiores que viven sos, así como do conxunto dos galegos e galegas de máis idade. Ao respecto, apuntou que a comunidade está a vangarda no Servizo de Axuda no Fogar, que leva atención profesional aos domicilios de moitos maiores en situación de dependencia, e que desde 2009 se triplicaron as prazas en centros de día e aumentaron un 40% as existentes en residencias públicas. Tamén subliñou a aposta por novos recursos como as casas do maior no rural, que xuntarán en cada unha a cinco veciños e veciñas de concellos de menos de 5000 habitantes, ou o cohousing, outra iniciativa pioneira en Galicia que permitirá aos maiores residir nun complexo de apartamentos con servizos compartidos.

Así mesmo, Fabiola García engadiu que a vocación do seu departamento autonómico de acompañar aos maiores está detrás doutros tres programas como son Xantar na casa, que leva cada día máis de 1300 menús sans e equilibrados aos fogares de persoas maiores, a iniciativa interxeracional Acompaño, na que os maiores comparten o seu tempo e experiencias con mozos e mozas voluntarios e Xuntos polo Nadal, que nestas festas reunirá nas residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño a 260 persoas de máis de 60 anos que se atopan soas, o que supón 20 prazas máis que o ano pasado.

A conselleira enmarcou estas medidas no compromiso da Xunta coas persoas maiores como eixo fundamental das políticas sociais en Galicia, xa que “a elas lles debemos todo o que somos e todo esforzo será pequeno comparado con todo o que eles fixeron por nós”, concluíu. 

No hay comentarios