Inicio Galicia Expourense organiza unhas xornadas de sustentabilidade na Vía da Prata a través...

Expourense organiza unhas xornadas de sustentabilidade na Vía da Prata a través do programa ?O teu Xacobeo? da Xunta

0

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, presentou hoxe a iniciativa que se desenvolverá entre os días 13 e 15 de novembro

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, presentou as Xornadas de Sustentabilidade no Camiño de Santiago-Vía da Prata, que organiza Expourense dentro do programa O Teu Xacobeo e que se desenvolverán do 13 ao 15 de novembro. Axencias de viaxes especializadas no Camiño de Santiago e procedentes de España, Portugal, Reino Unido e Irlanda realizarán un percorrido por localidades da provincia de Ourense polas que pasa a Vía da Prata coa natureza, o patrimonio e a enogastronomía como protagonistas e deste xeito coñecerán a riqueza da oferta turística da Vía da Prata.

A presentación da iniciativa contou tamén coa presenza da directora adxunta de Expourense, Emma González que explicou as actividades organizadas no marco destas xornadas, que arrancan o vindeiro mércores cun roteiro que inclúe a visita a unha adega da Denominación de Orixe Monterrei e á fortaleza Medieval de Monterrei. Ademais, un dos actos programados para o día inaugural das xornadas será a conferencia que se desenvolverá no claustro dos Mercedarios de Verín sobre a sustentabilidade na Vía da Prata na que participará a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e representantes da Asociación de Amigos da Vía da Prata e dos itinerarios culturais do Consello de Europa, entre outros relatores.

Díaz Mouteira puxo en valor a oferta e os recursos turísticos deste trazado e sinalou a Vía da Prata como unha ruta cun “enorme potencial de crecemento”, especialmente ás portas do vindeiro Ano Santo. Así, entre as súas calidades destacaron o seu clima favorable nas estacións frías, converténdoa nunha ruta adecuada para os meses da primavera e o outono, ou as súas condicións óptimas para os peregrinos que realizan a ruta a cabalo e en bicicleta, sumado ás sinerxías cos trazados que percorren Portugal.

A delegada territorial subliñou o compromiso da Xunta coa Vía da Prata e lembrou o investimento dedicado á súa mellora e sinalización, ao que se engaden múltiples accións de promoción e dinamización.

En opinión de Marisol Díaz o programa O teu Xacobeo ten unha gran capacidade para chegar a todos os públicos, e subliñou que representa o carácter “participativo, descentralizado e sustentable” do próximo Ano Santo polo que aposta a Xunta. Na provincia de Ourense, O teu Xacobeo permite impulsar 33 proxectos en diversos concellos da provincia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre