Inicio Galicia Expobus Iberia reunirá no recinto feiral Semana Verde a 152 firmas expositoras...

Expobus Iberia reunirá no recinto feiral Semana Verde a 152 firmas expositoras do sector do transporte

0

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou esta mañá a Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou hoxe a segunda edición da Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada, Expobus Iberia, que reunirá desde hoxe ata o sábado na Feira Internacional de Galicia a 152 firmas expositoras, un 50% máis que o ano pasado. Debido ao aumento dos expositores, habilitarase un pavillón máis que en 2018, de modo que o evento ocupará unha superficie duns 8.000 metros cadrados para albergar a todos os participantes.Á inauguración tamén acudiron o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro; o director xeral da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña.

Alfonso Rueda destacou que o crecemento da segunda edición ratifica o éxito desta feira e consolida o evento como punto de encontro e de referencia para os profesionais do sector a nivel nacional. Nesta liña, considerou que tamén serve para demostrar a idoneidade das instalacións da Fundación Semana Verde para acoller todo tipo de actividades.

Este ano Expobus Iberia terá un carácter máis internacional. Así, as 152 firmas expositoras presentes no encontro proceden de 21 países distintos, o que supón un 61% máis que os 13 países presentes o ano pasado.

Expobus Iberia contará ata o sábado cun amplo programa de actividades como as xornadas técnicas nas que se abordarán temas como a mobilidade urbana ou os servizos dixitais e innovacións en seguridade para autobuses e autocares. O director xeral de Mobilidade participará mañá ás 10,30 horas nunha das xornadas para presentar o Plan de Transporte de Galicia.

Nesta edición estrearase un paseo en autocar histórico polo entorno de Silleda e manteranse outras propostas que xa tiveron unha moi boa acollida o ano pasado como o concurso para elixir ao mellor condutor de autocares de España, un circuíto para probar algúns dos modelos expostos ou a exposición de vehículos clásicos.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre