Inicio Galicia Expertos internacionais debaten a vindeira semana en Santiago sobre os avances na...

Expertos internacionais debaten a vindeira semana en Santiago sobre os avances na economía da pesca e da acuicultura

0

Entre o 2 e o 4 de abril a facultade de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela acollerá a XXIV Conferencia da Asociación Europea de Economistas da Pesca baixo o título Buscando o azul: a economía da pesca e a acuicultura postmilenaria. Este evento está organizado polo Grupo de Investigación en Economía dos Recursos Naturais e Pesqueiros da Universidade de Santiago de Compostela (EcoPesca) e conta coa colaboración da Xunta. Nel, diferentes axentes do sector pesqueiro debaterán sobre os avances e outros aspectos relacionados coa economía da pesca e da acuicultura e coa Política Común de Pesca.

O evento funcionará como foro de debate entre investigadores, xestores, responsables políticos e outras partes interesadas no sector pesqueiro e na súa inauguración, que terá lugar o martes, participará a conselleira do Mar, Rosa Quintana. Durante as tres xornadas da conferencia os expertos falarán sobre a implementación da Política Pesqueira Común e de aspectos relacionados como a obriga de desembarque de capturas, a xestión das cotas en pesquerías mixtas, a avaliación do impacto dos plans de xestión, o brexit e tamén se abordarán os enfoques rexionais no sector dos produtos do mar.

O acceso á pesca, a internacionalización das cotas e os mercados e a comercialización de produtos pesqueiros tamén serán obxecto de debate neste foro no que ademais se falará de prácticas de xestión e comercialización no eido da acuicultura, da economía do cambio climático na pesca e do papel da pesca artesanal.

Neste encontro abordaranse tamén aspectos xurídicos de xestión da pesca e a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada. Outros temas obxecto de debate serán o Crecemento Azul, a reforma do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, a pesca recreativa e tamén cuestións relativas ao eido social como a compilación de datos sociais.

O mércores pola tarde haberá unha sesión especial centrada nas experiencias locais de Galicia na que un representante da Consellería do Mar falará sobre o selo de calidade pescadeRías que identifica os produtos do mar frescos da frota galega de pequena escala. Ademais esta sesión incluirá unha charla sobre a captura do berberecho en Noia e outra sobre a ecoetiqueta PescaenVerde e as oportunidades e retos de implementación da avaliación do ciclo de vida en certificación de mariscos. O programa detallado da conferencia está dispoñible no seu sitio web, no que tamén se pode atopar máis información e ao que se pode acceder a través deste enlace. A maiores, o 5 de abril está previsto que os participantes na conferencia realicen visitas ás bateas da ría de Muros e Noia, a unha conserveira e á poxa da lonxa de Ribeira.

Asociación Europea de Economistas da PescaA Asociación Europea de Economistas da Pesca (European Association of Fisheries Economists, EAFE) foi fundada en 1989 e é unha asociación independente de economistas que traballan na pesca, incluídos os sectores de captura, acuicultura e en terra, na Unión Europea. Ten como obxectivos promover a cooperación en investigación económica en pesca e acuicultura, axudar na difusión de información sobre economía da pesca entre os membros, emprender actividades para afondar na comprensión da economía da pesca e servir de canle de comunicación con outros organismos interesados. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre