Inicio Galicia Ethel Vázquez trasládalle ao alcalde de Carballo o compromiso da Xunta de...

Ethel Vázquez trasládalle ao alcalde de Carballo o compromiso da Xunta de reservar nos Orzamentos de 2020 a partida necesaria para impulsar a variante deste municipio

0

Vázquez Mourelle explica que se avanzará nesta infraestrutura dividindo a súa execución en dous treitos, cun investimento duns 30 millóns de euros

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha reunión co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, na que lle trasladou o compromiso da Xunta de reservar nos Orzamentos de 2020 a partida necesaria para impulsar a variante deste municipio.

Vázquez Mourelle explicou que se prevé avanzar nesta infraestrutura dividindo a súa execución en dous treitos, cun investimento autonómico duns 30 millóns de euros.

Salientou que a Xunta está a traballar para poder iniciar as expropiacións o vindeiro ano, pero puntualizou que isto se pode ver condicionado polo atraso na transferencia de 700 millóns de euros do Goberno central en concepto de financiamento autonómico.

No que se refire a infraestruturas viarias, Ethel Vázquez avanzoulle ao rexedor que proximamente a Xunta porá en marcha as bonificacións do 50% no prezo da peaxe en horario nocturno na autoestrada de Carballo á Coruña.

A Xunta, coa implantación destas tarifas nocturnas nas autoestradas autonómicas, A Coruña-Carballo e Puxeiros- Baiona, que actualmente xa son das máis baratas de España, busca incrementar a seguridade viaria e mellorar a competitividade, ao aforrar tempo e custos.

A titular de Infraestruturas e o alcalde tamén acordaron seguir traballando para fixar a fórmula de colaboración máis axeitada para continuar mellorando a seguridade viaria na travesía da estrada AC-552.

Tamén abordaron actuacións de carácter hidráulico neste municipio, acordando que a Xunta elaborará un proxecto para mellorar o sistema de abastecemento nos núcleos costeiros.

En relación ao eido da mobilidade, subliñou que a Xunta fixo posible que en 2015 o Concello de Carballo se integrara no Plan de Transporte Metropolitano na comarca da Coruña, un plan social que supón importantes aforros económicos para os usuarios e fomenta o emprego do transporte público.

No Concello de Carballo, uns 2.430 veciños dispoñen da tarxeta TMG coa que se poden beneficiar das citadas vantaxes. Ademais, uns 776 menores de 19 anos contan coa tarxeta ‘Xente Nova’, implantada en agosto de 2016 polo Goberno galego e grazas á que xa realizaron un total de 41.344 viaxes gratis no autobús interurbano.

Ethel Vázquez puxo en valor a aposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade polo Concello de Carballo, no que leva achegado un investimento duns 12 millóns de euros dende o ano 2009 co fin de mellorar a calidade de vida dos veciños e potenciar o desenvolvemento económico e social do municipio.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre