Inicio Galicia Ethel Vázquez salienta un investimento duns 3 millóns de euros en 11...

Ethel Vázquez salienta un investimento duns 3 millóns de euros en 11 inmobles do casco histórico de Betanzos que permitirán poñer ao servizo dos veciños 16 novas vivendas rehabilitadas

0

Vázquez Mourelle avanza que en 5 edificios, nas rúas Cerca, Torre e Nova, as obras están adxudicadas e se iniciarán a finais do verán ou a principios do outono

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, visitou hoxe Betanzos, onde salientou un investimento duns 3 millóns de euros en 11 inmobles do casco histórico que permitirán poñer ao servizo dos veciños 16 novas vivendas rehabilitadas.

Vázquez Mourelle supervisou os traballos de rehabilitación que se están a acometer en tres edificios da zona vella da vila, na rúa Cerca, cun orzamento de 1,2 millóns de euros, que darán como resultado a comezos do vindeiro ano 6 novas vivendas sociais e 3 locais comerciais.

A responsable autonómica de Vivenda explicou que paralelamente, a Xunta continúa traballando nos proxectos para a rehabilitación de 8 outros inmobles que son propiedade do Goberno galego e que xa están moi avanzados.

Concretou que 5 deles, na rúa Cerca, en Torre e na rúa Nova, xa teñen as obras adxudicadas, que se prevén comezar a finais do verán ou a principios do outono. Engadiu que a Xunta tamén prevé licitar nos meses de outono as obras dos outros 3 inmobles que restan na rúa Cortaduría.

RexurbeA conselleira salientou a aposta da Xunta pola conservación, pola protección do patrimonio e pola revitalización dos conxuntos históricos. Nesa liña segue traballando o Goberno galego, que a través do programa Rexurbe, lanzado o pasado mes de abril, busca a adquisición de inmobles para a súa rehabilitación.

Na actualidade, en Betanzos, a Xunta está a analizar toda a documentación aportada polos propietarios e cóntanse investir 500.000 euros na compra de 8 inmobles máis para ser rehabilitados. Concretou que entre estes inmobles está a Casa Gótica, que unha vez que o seu propietario a poña a disposición, libre de cargas e gravames, tamén será rehabilitada.

Estas medidas véñense a sumar ás actuacións de reforma de inmobles na ARI deste casco histórico.

O Executivo autonómico traballa arreo para conservar e protexer, co esforzo conxunto de Administracións e propietarios, un magnífico conxunto histórico contribuíndo á posta en valor e revitalización das vilas.

Ethel Vázquez subliñou que a rehabilitación é unha solución eficiente, sustentable, que permite mellorar as condicións de vida dos cidadáns e os contornos urbanos, ademais de ser un factor de dinamización económica.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre