Inicio Galicia Ethel Vázquez salienta que o Plan de Vialidade Invernal está preparado e...

Ethel Vázquez salienta que o Plan de Vialidade Invernal está preparado e actuando xa para garantir a seguridade e a mobilidade nos máis de 5.500 km da rede de estradas da Xunta

0

Vázquez Mourelle explica que para facer fronte aos efectos da climatoloxía adversa o Plan conta no conxunto de Galicia cun dispositivo de 500 profesionais, 26 centros operativos, máis de 70 máquinas e 5.200 toneladas de fundentes

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe que o Plan de Vialidade Invernal da Xunta está preparado para actuar, e actuando xa, para facer fronte aos fenómenos de chuvias intensas, neve ou xeadas características desta época do ano e garantir a seguridade e a mobilidade nos máis de 5.500 km de estradas da rede de titularidade autonómica.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, quixo achegarse hoxe ao centro de conservación e explotación de Cabreiros, en Xermade, para comprobar in situ o operativo despregado a principios de mes nun dos 26 centros operativos dispostos nas estradas da Xunta no marco do Plan de Vialidade invernal.

Explicou que para facer fronte aos efectos da climatoloxía adversa nas estradas o Plan conta no conxunto de Galicia cun dispositivo integrado por 500 profesionais, 26 centros operativos, máis de 70 máquinas e 5.200 toneladas de fundentes. A Conselleira concretou que no caso da provincia de Lugo este dispositivo conta con 6 centros operativos de conservación e explotación dotados con 1.700 toneladas de acopios e fundentes, e a maquinaria e o persoal preciso para garantir o mellor servizo para atender os case 1.500 km de estradas da Xunta nesta provincia.

Tal e como lembrou, este Plan está activo ata o 30 de abril en cada unha das provincias galegas, e no mesmo se recollen un conxunto de medidas preventivas para anticiparse aos contratempos que se poidan producir, e tamén paliativas, para reforzar a seguridade viaria ante situacións meteorolóxicas desfavorables. Prestando especial atención aos case 1.000 km de estradas da Xunta que, por altitude, son máis susceptibles de rexistrar incidencias por neve ou xeo.

Ethel Vázquez enmarcou o Plan de Vialidade na preocupación da Xunta por incrementar a seguridade viaria e garantir a mobilidade a todos aqueles cidadáns que a diario empregan as vías autonómicas para desprazarse ata os seus centros de traballo ou de estudo, ou no seu tempo de ocio.

Referiuse tamén aos recursos que destina o departamento que dirixe ao mantemento e conservación da rede de estradas da Xunta, e salientou que nos Orzamentos de 2020 se destinarán 23,5 millóns de euros á rede viaria da provincia.

Finalmente, a conselleira subliñou á necesidade de que os esforzos da Xunta en seguridade viaria deben ir acompañados da responsabilidade de todos os cidadáns, posto que ningún plan dunha Administración pode suplir a prudencia, o respecto a responsabilidade ao volante.

Por iso, Vázquez Mourelle pediu cautela e precaución, especialmente importante en días coma os de onte, con neve ou choiva intensa, e estando ás portas da fin de semana, cando a xente aproveita para ir á aldea, facer unha escapada e cando hai tamén máis desprazamentos nocturnos cara ás zonas de ocio.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre