Inicio Galicia Ethel Vázquez salienta que a flexibilización das tarifas acordada co sector do...

Ethel Vázquez salienta que a flexibilización das tarifas acordada co sector do taxi contribuirá a un maior equilibrio cos vehículos VTC

0

Vázquez Mourelle explica que esta medida incluída na Lei de Medidas Fiscais e Administrativas da Xunta responde á petición das federacións do sector e á filosofía do diálogo coa que se aprobou o pasado ano o Regulamento do Taxi

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou que a medida de flexibilización das tarifas acordada co sector do taxi contribuirá a favorecer a mobilidade dos usuarios e a acadar un maior equilibrio cos vehículos VTC.

Vázquez Mourelle, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, reuniuse hoxe con representantes do sector do taxi desta cidade e da provincia de Pontevedra, aos que lle explicou que esta medida incluída na Lei de Medidas Fiscais e Administrativas da Xunta achegará maiores facilidades ao sector e aos usuarios.

Indicou que esta opción responde á petición das federacións maioritarias do sector e a filosofía do diálogo coa que a Xunta aprobou o pasado ano o Regulamento do Taxi.

Subliñou que o texto normativo avanza na regulación do servizo do taxi, reforza as garantías xurídicas do sector e tamén as prestacións aos usuarios. Puxo como exemplo unha maior implantación do taxi adaptado e de baixas emisións, contribuíndo así á renovación progresiva do parque móbil ao tempo que se favorece o cambio climático.

Tamén lembrou que aínda que a regulación dos VTC é unha competencia estatal, responsabilidade do Ministerio de Fomento, a Xunta aprobou unha orde regulatoria para que estes vehículos en Galicia dispoñan dun distintivo identificativo, de uso obrigatorio. Precisou que hai 336 VTC na comunidade que solicitaron o distintivo e xa circulan co mesmo, sendo así máis doado realizar labores de control e vixilancia, nos que a consellería colabora coa Garda Civil e coa Policía Local para garantir que se cumpra a lei.

Fixo fincapé en que a Xunta segue a traballar intensamente no marco das súas competencias para contribuír á convivencia harmónica entre o colectivo do taxi e dos vehículos de alugueiro con condutor.

Non obstante, indicou que o Goberno galego agarda a que o Ministerio de Fomento convoque un novo comité sobre VTC para analizar e decidir as opcións máis convintes para Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre