Inicio Galicia Ethel Vázquez salienta que 5,6 millóns de viaxeiros ao ano utilizan algunha...

Ethel Vázquez salienta que 5,6 millóns de viaxeiros ao ano utilizan algunha das 44 liñas de autobús que acceden ao centro da Coruña, incrementándose un 14% os usuarios destes percorridos

0

Vázquez Mourelle precisa que 6.200 viaxeiros ao día, o 40 % do total, teñen o seu destino final ou a orixe da súa viaxe nas novas paradas do centro


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, salientou hoxe que o Plan de Acceso dos autobuses ao centro da cidade permite que 5,6 millóns de viaxeiros ao ano usen algunha das 44 liñas que acceden ao centro, supoñendo un incremento de case o 14 % nos usuarios destas liñas.

Vázquez Mourelle precisou que 6.200 viaxeiros ao día, o 40 % do total, teñen o seu destino final ou a orixe da súa viaxe nas novas paradas do centro, en lugar de chegar ou saír da propia estación de autobuses, como tiñan que facer antes.

Indicou que o novo plan tamén está a posibilitar a retirada da cidade duns 1.500 vehículos particulares cada día, o que implica a desconxestión do tráfico e a redución da contaminación, en liña coa Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050.

Subliñou que o plan está a permitir que os autobuses metropolitanos desas 44 liñas chegadas dos distintos concellos da área, unhas 350 frecuencias ao día, en lugar de ir directamente á estación de autobuses poidan parar en puntos como Entrexardíns, Costa Palloza ou a da Praza Ourense, que previamente acondicionou a Xunta.

Destacou que se trata de mellorar a conectividade, favorecendo a mobilidade dos veciños dos concellos da contorna e incrementando a súa comodidade, con menos transbordos, a redución de tempo de viaxe e a vantaxe de poder chegar ao centro.

Puntualizou que as liñas que acceden ao centro están a ofrecerlles máis facilidades aos cidadáns para achegarse aos servizos, contribuíndo á dinamización do comercio e da actividade económica da cidade.

Fixo fincapé na gran acollida do plan polos cidadáns, tal e como recollen as enquisas que indican que o 32% dos usuarios do transporte interurbano afirma empregalo máis desde que está en marcha esta iniciativa, a cuxos servizos lle outorgan unha valoración media de 8,7.

Cómpre lembrar que a Xunta, tras un intenso traballo de planificación e o consenso cos concellos, comezou a implantar o plan en novembro de 2017, iniciándose polo corredor leste -Sada, Cambre, Culleredo e Oleiros-, que aglutina a maior parte de viaxeiros, 12 liñas.

A posta en marcha foi progresiva, desenvolvéndoa por fases, 4 en total, atendendo á petición do anterior Goberno municipal da Coruña. Así, en maio de 2018 entraba en servizo a 4ª e última fase, favorecendo o acceso dos autobuses ao centro urbano da cidade nas 7 liñas que restaban para completar o total de 44 liñas que abrangueu o plan.

Aposta polo transporte públicoEthel Vázquez remarcou a aposta polo transporte público que está a facer o Goberno galego nesta lexislatura. A este respecto, lembrou a presentación esta semana do proxecto da nova terminal de autobuses da Coruña, cuxas obras se licitarán no último trimestre de 2020 por 17,4 millóns de euros.

Apuntou que non só se traballa na mellora das infraestruturas, senón tamén na optimización dos servizos. Para isto, en 2020 estará culminada a renovación integral dos servizos de transporte público na comunidade.

Recordou que o plan, ademais de modernizar o mapa de servizos de autobús, para potenciar o seu uso e facelo máis accesible, suma vantaxes como a extensión da gratuidade do transporte público a todos os menores de 21 anos coa utilización da tarxeta Xente Nova.

Concretou que este dispositivo, ata agora, facía gratuíto o transporte interurbano para os menores de 19 anos e concretou que na área da Coruña, son case 18.000 mozos os que se están a beneficiar da medida.

Sen embargo, avanzou que a partir do 1 de xaneiro, serán preto de 50.000 mozos máis en toda Galicia, uns 8.000 na área da Coruña, os que poderán acceder á gratuidade no transporte, coa ampliación da tarxeta Xente Nova ata os menores de 21 anos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre