Inicio Galicia Ethel Vázquez salienta o inicio hoxe da información pública do proxecto para...

Ethel Vázquez salienta o inicio hoxe da información pública do proxecto para construír a variante de Ribeira, na que a Xunta investirá case 9,5 millóns de euros

0

Vázquez Mourelle detalla que dende o luns e ata o 24 de abril, os veciños e calquera interesado poden facer consideracións para mellorar aínda máis o trazado

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada polo alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, salientou o inicio hoxe da información pública do proxecto para a construción da variante desta localidade, cun investimento de case 9,5 millóns de euros.

Vázquez Mourelle detallou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe o comezo da información pública do proxecto, período no que dende o luns e ata o 24 de abril, os veciños e calquera interesado poden facer consideracións para mellorar aínda máis o trazado. Engadiu que que con este procedemento tamén se lle dá inicio ao trámite expropiatorio.

Apuntou que tras este período, os técnicos da Consellería de Infraestruturas analizarán en detalle as alegacións recibidas coa intención de aprobar o proxecto neste ano e, a partir de aí, continuar cos trámites necesarios para a súa execución.

Subliñou que esta estrada de novo trazado, con 3,1 km de lonxitude, que mellorará as comunicacións de todo o concello e reducirá nun 50 % o tempo de percorrido ao circunvalar o núcleo de Santa Uxía, liberando de tráficos o centro e facilitando o acceso á zona sur.

Explicou que se traballou para lograr unha nova entrada por estrada ao núcleo de Ribeira, alternativa á actual, que desde o norte parta desde a rotonda da autovía, continúe ata Avenida da Constitución e finalice na praia de Touro.

Concretou que para facilitar o desenvolvemento desta infraestrutura se proxecta a súa execución por fases, sendo a primeira a correspondente ao treito que discorre bordeando o núcleo urbano, dende a autovía ata a Avenida da Constitución.

Sinalou que esta primeira fase concentra a maior parte do investimento, 8,2 M€ e supón o 70% do percorrido, ao abranguer 2,1 km.

Precisou que nunha 2ª fase, de aproximadamente 1 km, se continuará cara a Praia de Touro, que se corresponde co ámbito máis urbano.

Ethel Vázquez lembrou que esta aposta se vén sumar ao resto de investimentos en materia de estradas da Xunta como a humanización da travesía de Palmeira, da que se vai contratar a redacción do seu proxecto construtivo no primeiro trimestre deste ano.

Tamén recordou a renovación da beirarrúa entre Padín e Deán Pequeno, que se iniciará cuestión de días ou a recente actuación de emerxencia na estrada entre Oleiros e Corrubedo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre