Inicio Galicia Ethel Vázquez salienta o esforzo de planificación da Xunta para garantir que...

Ethel Vázquez salienta o esforzo de planificación da Xunta para garantir que os veciños de Pontevedra e Ferrol teñan transporte público pese á renuncia dos gobernos municipais

0

Vázquez Mourelle explica que os concellos de máis de 50.000 habitantes teñen a obriga legal de prestar transporte urbano, pero Pontevedra e Ferrol non o fan


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta deseñou unha planificación para garantirlles o transporte público aos veciños de Ferrol e Pontevedra, cuxos Gobernos municipais renuncian a cumprir o seu deber.

Lembrou que os concellos de máis de 50.000 habitantes teñen a obriga legal de prestar servizo de transporte urbano. Neste sentido, case todas as cidades galegas teñen este servizo, agás Pontevedra e Ferrol.

A Xunta vénlles insistindo a estes dous municipios que é hora de que asuman o seu compromiso e doten aos seus veciños de transporte urbano, así como que a caducidade das liñas vixentes sitúan este como o momento máis acaido para que o fagan.

O Goberno galego trasladoulles toda a documentación técnica necesaria das liñas actuais que deberían ser asumidas polos concellos co seu transporte urbano, ofrecendo colaboración e asesoramento. Non obstante, ningún dos dous concellos se decidiu a implantar o transporte urbano.

A conselleira indicou que ante este escenario, a Xunta asume o traballo para que os veciños de Pontevedra e de Ferrol non queden privados do dereito de transporte público. Engadiu que nos novos contratos se introduciron melloras, pois en Ferrol se optimiza a conexión do Hospital Naval co centro, e en Pontevedra, os veciños de Alba teñen un servizo máis acorde ás súas necesidades, ao segmentar en dúas a actual liña Alba- Canicouva.

O Executivo autonómico debuxou o transporte interurbano incluíndo os servizos necesarios para que os veciños teñan autobús urbano, pero o sobrecusto derivado á Xunta desa inacción municipal se lle repercutirá aos concellos a través do fondo de cooperación local.

Ethel Vázquez indicou que se os concellos non queren pagar, o único que teñen que facer é cumprir co que lles obriga a lei e poñer un transporte urbano. Concretou que se a Xunta vai investir 700.000 euros/ano no transporte da contorna da cidade de Pontevedra e 1,2 M€/ano na de Ferrol, xa é hora de que estes concellos invistan en transporte urbano porque dos 1,9 millóns de viaxes ao ano que se prevén nesta última área, preto do 60% terán como orixe ou destino o propio termo municipal.

Puxo como exemplo ao concello de Lugo, xa que inviste cada ano 2 M€ na xestión do seu transporte urbano e precisou que o de Pontevedra, con dimensións similares, só achega 71.000 euros ao ano, un agravio con respecto a todos eses municipios que pasan o traballo de xestionar algo tan complexo como é o autobús urbano.

Destacou que o Concello de Pontevedra tamén bloquea o transporte metropolitano que apoian o resto dos concellos da área, impedindo un plan social que lle permitiría aos seus veciños ter importantes descontos e que os menores de 19 anos viaxasen gratis.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre