Inicio Galicia Ethel Vázquez pon en valor o investimento de 700.000 euros nas contornas...

Ethel Vázquez pon en valor o investimento de 700.000 euros nas contornas dos hospitais públicos Nicolás Peña e Meixoeiro de Vigo para favorecer unha circulación peonil máis segura e accesible

0
image_gallery.jpg

O Goberno galego está a traballar na contorna dos hospitais públicos da área de Vigo para a mellora da mobilidade do persoal sanitario e dos pacientes


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, puxo hoxe en valor o investimento de 700.000 euros nas contornas dos hospitais públicos Nicolas Peña e Meixoeiro de Vigo para ofrecer maior comodidade nos desprazamentos de pacientes e persoal sanitario e, favorecer unha circulación peonil máis segura e accesible.

Vázquez Mourelle, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, supervisou esta mañá o inicio dos traballos no centro hospitalario Nicolás Peña, que inclúen a renovación do firme, o acondicionamento da beirarrúa, e a adecuación da zona de aparcadoiro.

A conselleira explicou que estes traballos veñen sumarse á mellora que se está a levar a cabo nos accesos do Hospital do Meixoeiro, obras iniciadas no mes de agosto. A este respecto, subliñou que o obxectivo común das actuacións na contorna destes centros hospitalarios é ofrecer unha mobilidade máis cómoda para todo o persoal sanitario e, tamén, máis segura para os pacientes que se achegan a pé ata eles.

Ethel Vázquez avanzou que, antes de que remate o ano, estarán finalizadas as dúas actuacións de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade nestes dous hospitais públicos da área de Vigo. A estas engádese a actuación xa executada este verán no antigo hospital do Rebullón, cun investimento autonómico de 47.000 euros.

Concretou que as obras iniciadas hoxe no hospital Nicolás Peña incluirán a mellora do firme da vía, intensificando as intervencións nas zonas que presentan un maior deterioro.

Na intervención prevese actuar sobre 67 prazas de aparcadoiro destinadas ao persoal sanitario, especialmente reordenando e pavimentando un espazo actualmente en zahorra con 11 prazas de estacionamento.

Ademais, disporase unha zona de circulación peonil para conectar as beirarrúas existentes, empregando pavimento de lastras de formigón, similar ao que hai xa noutras zonas do recinto. A intervención verase completada coa mellora da sinalización e tamén a rede de drenaxe, ademais de traballos de axardinamento.

As obras teñen un prazo de execución aproximado dun mes e prevese realizar traballos nocturnos para reducir en todo o posible a afección aos traballadores e aos pacientes.

No caso do Meixoeiro, onde as obras están avanzadas, ademais das actuacións de mellora do firme e da accesibilidade, habilitarase un novo viario para facilitar as comunicacións dentro do propio recinto e favorecer os subministros ao hospital. Trátase de evitar que os vehículos que traen o material necesario teñan que saír marcha atrás ou por dirección prohibida.

Segundo indicou a conselleira, a realización destas intervencións nas contornas destes centros hospitalarios foron planificadas cos responsables do Sergas, con quen se avaliaron as necesidades de actuación. Os traballos en execución, ademais, se están a facer de modo coordinado co equipo técnico sanitario para interferir o menos posible na actividade asistencial.

Ethel Vázquez destacou que a Xunta constrúe a sanidade pública galega tamén mediante a mellora dos accesos aos hospitais, o que complementa outras actuacións nos propios centros, como a mellora da eficiencia enerxética que se está a executar no Meixoeiro, cunha achega autonómica de 7 millóns de euros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre