Inicio Galicia Ethel Vázquez pon en valor a utilización de técnicas de bioenxeñería para...

Ethel Vázquez pon en valor a utilización de técnicas de bioenxeñería para minimizar o risco de inundacións e repoboar con vexetación de ribeira as marxes do río Sar en Padrón

0

Vázquez Mourelle salienta que o obxectivo da intervención é conservar o bo estado ecolóxico do leito e da área, diminuíndo o risco de asolagamentos

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, puxo hoxe en valor a utilización de técnicas de bioenxeñería para minimizar o risco de inundacións e repoboar con vexetación de ribeira as marxes do río Sar en Padrón.

Vázquez Mourelle supervisou hoxe, xunto co alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, o resultado dos traballos de estabilización dun noiro no río Sar, ao seu paso por Estramundi de Abaixo, que se iniciaron en xullo e xa están rematados.

Subliñou que as obras en Padrón, cunha achega autonómica de case 131.000 euros, forman parte dun contrato máis amplo que permitiu realizar accións similares no treito do mesmo río en Vilanova de Arousa. As dúas actuacións suman un orzamento de 250.000 euros.

Ethel Vázquez salientou que estes traballos teñen por obxectivo conservar o bo estado ecolóxico do leito e do seu contorno, favorecendo a vexetación de ribeira e diminuíndo o risco de inundacións, ao mellorar a eficiencia da drenaxe das súas marxes.

Augas de Galicia vén realizando estas actuacións no marco do mantemento das zonas inundables, nas áreas identificadas como de risco potencial significativo de inundacións para previr posibles asolagamentos.

No caso da zona hoxe visitada, interveuse augas arriba da canle de derivación do río Sar, para estabilizar un noiro da súa marxe dereita.

Para isto, empregáronse técnicas de bioenxeñería, executando un muro krainer duns 50 metros de lonxitude, é dicir, unha estrutura construtiva tridimensional que se fai con troncos de madeira entrelazados sobre unha base de escollera.

O muro krainer fórmase sobre a base de escollera con diversas capas: primeiro grava; logo arbustos autóctonos ou plantas de ribeira; e un recheo con terra, ademais de colocación de mallas vexetais e biorrollos orgánicos que impiden arrastres de materiais finos.

Esta estrutura construtiva, a base de materiais vexetais, funciona como elemento de protección contra a erosión causada polas augas na ribeira do río e permite minimizar o risco de inundacións, ao tempo que permite a repoboación da vexetación.

A conselleira indicou que os traballos se completaron coa mellora do paseo e coa repoboación da marxe do río Sar con vexetación propia de ribeira, creando un contorno máis coidado e máis agradable para o paseo e para o desfrute dos veciños.

Engadiu a estes traballos os xa realizados en 2015 para acondicionar a canle de derivación, que permitiu restituír a sección hidráulica inicial dun treito da canle artificial e a limpeza e drenaxe dos sedimentos nela depositados.

Tamén se estabilizaron outros noiros do río, onde se pode comprobar xa a eficacia deste tipo de técnicas de bioenxeñería para conservar o estado ecolóxico do río e favorecer a repoboación das súas marxes con especies de ribeira, ao tempo que se minimizan os riscos de inundacións.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre