Inicio Galicia Ethel Vázquez insta ao Ministerio de Transportes a dar a cara ante...

Ethel Vázquez insta ao Ministerio de Transportes a dar a cara ante Ourense e concretar os seus plans para as obras de reforma ferroviaria e integración urbana comprometidas na intermodal

0

Vázquez Mourelle lembra que a Xunta urxiu a convocatoria da Comisión de Seguimento da estación intermodal para que o Goberno de España informe das súas previsións tendo en conta as incertezas co deseño e falta de concreción

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, instou ao Ministerio de Transportes a dar a cara ante Ourense e concretar o cronograma que ten previsto para acometer a remodelación ferroviaria e a integración urbana que lle corresponden no proxecto da estación intermodal.

Vázquez Mourelle lembrou que a Xunta vén de solicitar a convocatoria urxente da Comisión de Seguimento da intermodal para coñecer os plans do Ministerio, xa que son as obras do Adif as que están a xerar maiores incertezas polo seu deseño e pola falta de concreción.

Subliñou que o Goberno estatal debe dar explicacións da parte ferroviaria, pois é da súa competencia e lamentou que o ministro de Transportes desaproveitase a visita da pasada fin de semana para informar ao respecto.

En todo caso, a conselleira emprazou aos grupos políticos a aclarar se defenden a paralización dos investimentos públicos en Ourense e a modificación do trazado ferroviario que sería necesaria para a modificación da estación intermodal e que dilataría aínda máis a chegada do AVE a Galicia.

Apelou á responsabilidade para dotar Ourense dunha estación de autobuses intermodal moderna e competitiva, na que a Xunta ten en marcha un investimento de 9 millóns de euros, que tamén inclúe o financiamento do aparcadoiro.

Destacou que o Goberno galego está a traballar para que os veciños e usuarios poidan desfrutar este verán dunhas novas instalacións que facilitan os movementos entre a cidade, o tren e o bus. Ademais, resaltou que este proxecto é estratéxico para que Ourense estea mellor preparada para aproveitar ao máximo as potencialidades que ofrece o Xacobeo 2021.

Precisou que se trata dun proxecto acordado co Ministerio, Adif e co Concello e avalado polo equipo de arquitectos de Norman Foster. Ademais foi sometido a información pública e foron incorporadas a maior parte das achegas. Tamén foi aprobado por unanimidade pola Comisión Superior de Urbanismo de Galicia.

A nova terminal de autobuses conta con todas as garantías para o centro de saúde, antes rodeado por un parking e un supermercado. Engadiu que está perfectamente integrada e deseñada para mellorar o espazo público da contorna e ofrecer máis servizos e beneficios tamén para os veciños do barrio da Ponte.

A Xunta conta con estudos que indican que a nova terminal de autobuses non suporá unha maior afección, porque a maioría dos autobuses que entran e saen da actual estación xa pasan hoxe por diante do centro de saúde.

Sinalou que está previsto crear unha área axardinada duns 1.000 m², coa disposición dunha franxa arborada de entre 12 e 15 m de ancho que permitirá unha mellor transición entre os o centro de saúde e a terminal de autobuses.

Neste sentido, a actuación proposta recupera uns 3.500 m² para uso exclusivo de peóns e axardinamento na contorna do centro de saúde. Ademais está proxectada a insonorización do interior dese centro sanitario.

Puxo en valor que o proxecto da intermodal acordado entre Xunta, Ministerio e Concello prevé un aparcadoiro soterrado de máis de 300 prazas, que contribuirá a minimizar as afeccións do actual aparcadoiro, en superficie.

Esta actuación tamén permite blindar o uso público dos terreos da actual estación de autobuses, que será onde se constrúa a nova residencia de maiores.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre