Inicio Galicia Ethel Vázquez insta ao Ministerio de Fomento e ao Concello da Coruña...

Ethel Vázquez insta ao Ministerio de Fomento e ao Concello da Coruña a responder á proposta de convenio da Xunta para impulsar conxuntamente a estación intermodal

0

Vázquez Mourelle explica que hai uns días se dirixiu ao secretario xeral de Infraestruturas para que informe das previsións de contratación das obras da parte ferroviaria que a finais de 2017 anunciaron como próximas


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, interveu hoxe no Parlamento de Galicia, onde instou ao Ministerio de Fomento e ao Concello da Coruña a responder á proposta de convenio da Xunta para avanzar na estación intermodal da cidade herculina.

Vázquez Mourelle reiterou que hai uns días se dirixiu ao secretario xeral de Infraestruturas para que responda á maior brevidade á proposta de convenio de colaboración e que informe das previsións de contratación das obras da parte ferroviaria que a finais de 2017 anunciaron como próximas.

Subliñou que a Xunta, ante o cambio de criterio municipal en 2017 que supuxo a rescisión do contrato e volver contratar de novo o proxecto, puxo sobre a mesa a necesidade de asinar un documento de bases de deseño.

Indicou que o Goberno galego propuxo en novembro do ano pasado un texto de convenio para o desenvolvemento da intermodal, redactado á imaxe dos que xa permitiron que estean en obras as de Vigo, Ourense e Santiago. Non obstante, precisou que nin o Concello da Coruña nin o Ministerio de Fomento teñen respondido ao mesmo.

Salientou que a Xunta, dende o momento no que se tivo que suspender o contrato, traballou arreo buscando os fondos propios necesarios para a nova redacción de proxecto, pois o atraso municipal implicou a imposibilidade de conseguir fondos europeos para esta obra. Posteriormente, contratouse o novo proxecto que, a día de hoxe, está en plena redacción grazas ó investimento de 300.000 euros de fondos propios do Executivo autonómico.

A conselleira recordou que en 2015 a Xunta licitou os proxectos das estacións de Santiago, Vigo e Ourense, pero no caso da Coruña houbo que esperar ata marzo de 2016 por mor dos retrasos do Concello. Precisou que en febreiro de 2017 a Xunta tiña o proxecto básico da terminal de autobuses, que supoñía tamén humanizar a rúa Sardiñeira.

Explicou que houbo reunións e comunicados onde o concello trasladaba a súa conformidade co proxecto, pero, a mediados de 2017 perfilou un cambio de criterio, pedindo algo insólito como unha actuación máis modesta que mellora menos a integración urbana dunha infraestrutura.

Sinalou que isto supuxo suspender o contrato de redacción de proxecto mentres non se aclaraba a situación, “un contrato de 600.000 euros botado ao lixo e tendo que refacer practicamente todo o documento”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre