Inicio Galicia Ethel Vázquez informa do inicio da información pública da Área de Transporte...

Ethel Vázquez informa do inicio da información pública da Área de Transporte de Galicia, na que se investirán 10,3 M? anuais para aboar 17,5 millóns de viaxes e 2 millóns de transbordos

0
image_gallery.jpg

Vázquez Mourelle detalla que a Xunta financiará tamén a gratuidade do autobús aos menores de 21 cunha achega de 4,3 M€ ao ano


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada polo director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, informou en rolda de prensa do inicio hoxe da información pública da Área de Transporte de Galicia, que suporá un investimento anual de 10,3 M€, dos que 7,7 M€ serán achegados pola Xunta, financiando os concellos o importe restante.

Vázquez Mourelle incidiu en que este potente investimento público permitirá bonificar case 17,5 millóns de viaxes cada ano en transporte público e preto de 2 millóns de transbordos. A maiores, a Xunta achegará 4,3 millóns de euros ao ano para financiar a gratuidade do transporte público para os menores de 21 anos que empreguen a tarxeta Xente Nova, que funcionará no conxunto do territorio.

Tal e como sinalou a conselleira, a creación da Área de Transporte de Galicia permitirá aplicar a calquera viaxe realizada nun autobús dependente da Xunta en todo o territorio da comunidade autónoma as vantaxes dos descontos no prezo do billete, das que dispoñen xa as áreas de transporte metropolitano da Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo e Vigo.

Explicou que o inicio da información pública supón un chanzo máis na creación desta Área de Transporte de Galicia, tendo os interesados un mes de prazo para facer as súas suxestións e achegas, ata o vindeiro día 14 de decembro. A partir de aí analizaranse as propostas recibidas para introducir aquelas que sexan viables.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade avanzou que o obxectivo é que o Consello da Xunta aprobe no primeiro trimestre do 2021 a regulación da Área de Transporte de Galicia. Unha vez aprobado o documento, engadiu, estarase en disposición de asinar os convenios cos concellos interesados en adherirse e reforzar as bonificacións aos seus veciños, para incorporalos de xeito progresivo ata ter concluída a súa implantación en toda a Comunidade.

Mesma tarifa en todo o territorio e despenalización das bonificaciónsEthel Vázquez subliñou que a Área de Transporte de Galicia proposta pola Xunta prevé a activación das mesmas tarifas para toda Galicia, ao pasar dun sistema tarifario baseado en saltos a outro que toma como referencia as distancias entre os núcleos principais dos concellos.

Concretou que os usuarios aboarán prezos fixados en función da distancia entre os termos municipais de orixe e destino da viaxe, sen terse en conta cantos concellos intermedios se crucen na viaxe. É dicir, despenalízanse por completo os transbordos.

A conselleira puxo o acento en que a Área de Transporte de Galicia permitirá bonificar ao 100% os transbordos intermunicipais efectuados en calquera concello de Galicia, en todas as viaxes intermunicipais. Ademais, inclúense, os transbordos que impliquen ao autobús urbano das principais cidades galegas cando estas estean adheridas. Esta bonificación dos transbordos será asumida ao 100% pola XuntaA titular do departamento de Infraestruturas da Xunta apuntou que o medio de pagamento establecido será a tarxeta do Transporte Público de Galicia (tarxeta TPG), equivalente á actual tarxeta TMG.

Indicou que a adhesión voluntaria dos concellos á Área de Transporte de Galicia suporá unha bonificación mínima de 0,65 €. Isto é o resultado da suma do 10% de desconto sobre o prezo do billete dos novos contratos de transporte, máis unha bonificación de 0,50 € no prezo de cada viaxe que asumirá maioritariamente a Xunta, pero coa participación tamén do concello adherido.

Destacou que os prezos que aboarán os veciños dun concello que estea adherido á Área de Transporte de Galicia serán máis económicos que os que están a pagar agora.

Ethel Vázquez fixo fincapé na introdución de bonificacións adicionais por recorrencia ou por ser membros de familias numerosas, o que implicará aforros medios de 600 euros ao ano. E isto, engadiu, con independencia das bonificacións adicionais que queiran sumar, pola súa banda, os concellos nos seus termos municipais.

Precisou que, tamén, poderán incorporar outros medios de transporte, como o marítimo e de ría ou o transporte ferroviario, coa colaboración dos correspondentes operadores destes servizos.

Plan de Transporte Público de GaliciaA responsable de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta detallou que a creación da Área de Transporte enmárcase no proceso de renovación integral das liñas de autobús dependentes da Administración autonómica iniciado, no ano 2017, a través do Plan de Transporte Público de Galicia.

No 2020 séguese avanzando na implantación progresiva dos novos contratos do Plan de Transporte Público en todo o territorio, que estará plenamente operativo no conxunto do territorio no mes de xaneiro, e ao que a Xunta destinará 74 millóns de euros ao ano na vindeira década.

Os novos contratos de transporte duplican a cobertura territorial a través de máis de 3.100 liñas de autobús que percorrerán 63,3 millóns de quilómetros ao ano.

Ademais da mellora dos servizos, os novos contratos prevén a progresiva incorporación aos autobuses dos sistemas de cobro necesarios para o funcionamento das actuais tarxetas TMG e Xente Nova. Desa forma, os usuarios poderán beneficiarse xa de descontos do 10% sobre o prezo do billete co uso da TMG e os menores de 21 anos poderán viaxar gratis empregando a tarxeta Xente Nova.

Estas medidas están xa en servizo nas liñas de autobús de toda a provincia de Ourense e da área de Pontevedra e iranse estendendo de forma progresiva ao resto do territorio. O obxectivo é culminar a extensión da tarxeta Xente Nova e da TMG a todas as liñas a mediados de 2021.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre